Día da Galiza Mártir

Lembrar a semente dos mártires da liberdade

Durante o mes de agosto Galiza homenaxea nas rúas as persoas represaliadas pola ditadura franquista. Os actos xiran ao redor do 17 de agosto, aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda e Día da Galiza Mártir. Da Coruña a Poio asociacións, concellos e forzas políticas reúnense para lembrar quen loitou contra a ditadura e defendeu a liberdade.

monumento a 'Galiza Mártir'
photo_camera Monumento na memoria de Bóveda

M_1_TemaPrimeiraAmalia Bóveda non coñeceu a seu pai. Tras o alzamento militar, o impulsor do Estatuto do 36 foi detido o 20 de xullo dese mesmo ano, acusado de traizón e sentenciado a morte. Fusilaríano e o seu cadáver amencería o 17 de agosto na Caeira, en Poio. Aqueles primeiros meses após a sublevación foron os máis escuros da historia contemporánea galega. O proxecto interuniversitario “Nomes e Voces” deu testemuña das 1.466 penas de morte executadas entre 1936 e 1939 no país, alén de 3.233 mortes extraxudiciais. Foi tempo de medo e dunha brutal represión na que moitas galegas e galegos sufriron a morte dos seres queridos, a cadea, o exilio e a humillación.

No mes de abril de 2019, 83 anos pasados do asasinato de seu pai, Amalia Bóveda contemplou por última vez nas instalacións da Deputación de Ourense o lenzo que Castelao lle dedicou, antes do seu regreso a Bos Aires. O autor de A derradeira leición do mestre foi quen impulsou no exilio consagrar o 17 de agosto ao Día dos Mártires Galegos. A primeira celebración tivo lugar en 1942 e tras o remate da ditadura o seu nome mudaría polo actual Día da Galiza Mártir. Máis alá do asasinato de Bóveda, a xornada serve para manter vivas na memoria todas aquelas persoas vítimas da represión franquista. No acto de inauguración da exposición, a filla de Bóveda afirmou: “A memoria é pasado pero aínda ten que ser presente e debémola facer cada vez máis pública, sen medias tintas”.

“Querían enterrar cadavres, pero enterraron semente”, escribiu Castelao. E a propia cidadanía é, en numerosas ocasións, a coidadora destas sementes e de que a memoria gañe cada vez maior espazo público. A Fundación Alexandre Bóveda, a Iniciativa Galega pola Memoria, as sedes locais da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, partidos políticos ou diversas asociacións culturais son as que cada ano poñen nome e apelidos ás conmemoracións de agosto. A lembranza de Alexandre Bóveda súmanselle as dedicadas a Ánxel Casal, a Pepiño Areosa, aos irmáns Bebel, a Camilo Día Valiño, a Carmen Pesqueira “A Capirota” e a todos os homes e mulleres vítimas da represión fascista. No mes de xullo a Iniciativa Galega pola Memoria reuniu na illa de San Simón máis de 500 persoas na súa homenaxe nacional ás vítimas do franquismo. O 12 de agosto reivindicouse o legado de Moncho Reboiras no aniversario do seu asasinato.

Axenda de actos

1) A Coruña

Día da Galiza Mártir

Organiza: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda

Data: 16 de agosto ás 20:30 horas

Lugar: Rúa Alexandre Bóveda, en Catro Camiños

Intervén: María Xosé Bravo, presidenta da asociación, e Xurxo Couto, deputado provincial de Cultura. Actuará o gaiteiro Pepe Vaamonde

2) Cee

Día da Galiza Mártir

Organizan: Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova

Data: 17 de agosto ás 20 horas

Lugar: Praciña do Olvido (en caso de choiva, Casa da Cultura)

Presentarase o libro "Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio", de Carlos Babío e haberá recital poético de Xaime Trillo, Álex López, Antón Riveiro e Suso Bahamonde e música con Iris, Uxía e Juan Lema. 

3) Cerdedo *

Homenaxe a Secundino Bugallo e Francisco Arca

Organizan: Colectivo Portalén e Capitán Gosende

Data: 13 de agosto ás 18 horas

Lugar: Ponte do Barco, Pedre

4) Compostela

Homenaxe a Ánxel Casal

Organiza: BNG de Santiago

Data: 20 de agosto ás 12 horas

Lugar: Rúa do Vilar ao pé do edificio que albergou a imprenta Nós

Interveñen: Goretti Sanmartín (portavoz), Navia Rivas (concelleira) e Carlos Castelao (fotohistoriador)

5) Guitiriz

II Memorial dos irmáns da Lexía, ofrenda floral

Organiza: A.C. Xérmolos e Riazor Blues

Data: 17 de agosto ás 13 horas

Lugar: Campo da festa da parroquia de Santa Mariña

Interveñen: Representantes dos grupos asistentes

Xantar popular e trofeo Bebel

Organizan: A.C. Xérmolos e Riazor Blues

Data: 17 de agosto ás 15 horas e ás 18 horas

Lugar: Parroquia de Santa Mariña e campo de fútbol Noreña Basanta, en Parga

6) Bande *

Homenaxe antifascista e inauguración dun monólito ás vítimas da ditadura

Organiza: Comisión pola Memória Histórica do Val da Limia

Data: 14 de setembro

Lugar: Curva de Fontaboa na estrada OU-1201, entre Nigueiroá e Xordos

7) Lousame

IV Romaría da Coluna Sanfins

Organiza: Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins

Data: 27 de setembro

Lugar: San Fins

8) Marín

Homenaxe a Carmen Pesqueira “A Capirota”

Organiza: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín

Data: 18 de agosto ás 12:30 horas

Lugar: Praza Carmen Pesqueira na Roda

Interveñen: Familiares de Carmen Pesqueira, Lucía César Veloso e Manolo Graña.

9) Poio

Acto institucional do Día da Galiza Mártir

Organiza: Concello de Poio

Data: 17 de agosto ás 13 horas.

Lugar: A Caeira.

Interveñen: Marga Caldas, Telmo Comesaña e Luciano Sobral (alcalde), entre outros

10) Pontevedra

Xantar da Fundación Alexandre Bóveda

Organiza: Fundación Alexandre Bóveda

Data: 17 de agosto ás 14:30 horas

Lugar: Hotel Pelegrinus

Xantar de Galiza Nova

Organiza: Galiza Nova

Data: 17 de agosto ás 15 horas

Lugar: Taberna Saudade

Entrega do premio “Galiza Mártir” a Telmo Comesaña, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Vigo

Organiza: Fundación Alexandre Bóveda

Data: 17 de agosto ás 17 horas

Lugar: Parque Amalia Bóveda.

Acto político nacional do BNG

Organiza: BNG

Data: 17 de agosto ás 20 horas

Lugar: Praza de Curros Enríquez.

Interveñen: Marta Gómez (responsábel comarcal de Galiza Nova), Manu Lorenzo (portavoz municipal en Soutomaior) e Ana Pontón (portavoz nacional).

Acto cívico do Día da Galiza Mártir

Organiza: Fundación Alexandre Bóveda

Data: 17 de agosto ás 19 horas

Lugar: Cemiterio de Santo Amaro

11) Ribeira

Día da Galiza Mártir

Organiza: BNG de Ribeira

Data: 16 de agosto ás 20:30 horas

Lugar: Rúa Alexandre Bóveda e rúa Manuel Rustres Rivas

Interveñen: Xan Hermida (historiador), Xosé Antonio Vázquez (portavoz do BNG) e actuación musical de Bico de Mar

12) Sada

Ofrenda floral a Antonio Carballeira, Manuel Prego e Antón Suárez Picallo

Organiza: Familias dos represaliados, A.C. Irmáns Suárez Picallo e Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica

Data: 11 de setembro ás 19 horas

Lugar: Paseo marítimo, no monumento ás vítimas da represión franquista

13) Teo

Lembrando a Ánxel Casal, Pepiño Areosa e todas as vítimas da represión do 36

Organiza: Concello de Teo e BNG

Data: 19 de agosto ás 20 horas

Lugar: Estivada da Ribeira, en Cacheiras, no monólito que lembra a Anxel Casal e Pepiño Areosa

14) A Ulloa e Terras de Melide *

Acto e roteiro de homenaxe ás vítimas da represión

Organizan: Fundación Eira, Adega e A.C. O Galo

Data: 11 de agosto ás 11:45

Lugar: Comezo na volta de Ludeiro da estrada N-547, en Saa (Palas de Rei) logo Vilouriz (Toques), Vilamor (Toques), Piñeiro (Toques), Curbián (Palas de Rei) e remate na Eira de Xoana en Ramil (Agolada) para o xantar.

* Estes actos xa tiveron lugar.

[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios