Lavacolla, un aeroporto construído coa man de obra dun campo de concentración

Na Galiza instaláronse nove campos de concentración durante o franquismo. No da Lavacolla, en Santiago de Compostela, traballaron entre 2.000 e 3.000 presos republicanos na construción do aeroporto e da escola de aviación dentro da política de dispersión que practicou o fascismo. En poucos anos crearon unha plataforma con 40.000 toneladas de materiais para crear a pista de aterraxe. Nas proximidades, unha foxa común garda a súa memoria.

batallon.lavacolla
photo_camera Membros do Batallón Disciplinario de Soldados Traballadores nº 28 na Lavacolla

O profesor e xornalista Isaías Lafuente, na súa obra Esclavos por la patria, sinala que a cifra de persoas recrutadas durante tres décadas para a prestación obrigatoria de servizos ás obras impulsadas polo franquismo foi superior ás 100.000 no Estado español. O autor conta como o Padroado de Redención de Penas encargábase de converter os prisioneiros políticos en obreiros que soportaban duras xornadas de traballo en condicións de vida infrahumanas. Entre elas, cita as obras do aeroporto compostelán da Lavacolla.

Logo de se inaugurar o campo de voo, propúxose a creación dunha academia de aviación e pouco despois, en 1940, xurdiu a necesidade de ampliar estas instalacións coa idea de tornar Lavacolla nun aeroporto transoceánico. Daquela os presos deste campo de concentración compostelán cobraban 2,50 pesetas diarias, segundo o asinado polo comisario de guerra. 

Víctor Santidrián Arias, doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago, reconstrúe o periplo de campos de concentración e prisións onde estivo Casimiro Jabonero, un preso republicano destinado durante semanas na Lavacolla. 

Os prisioneiros castigados eran encerrados nun hórreo de grandes dimensións xunto ao que pasaban nenos que lles daban pan e espigas de millo, detalla na publicación Diario do soldado republicano Casimiro Jabonero. Campo de concentración da Lavacolla. Prisión de Santiago de Compostela, 1939-1940. O libro está editado pola Fundación 10 de Marzo.

Relata que tamén participaron nos traballos de desmonte centos de mozos de Santiago de Compostela, obrigados a dedicaren unha xornada á obra. Só os que pagaban un rescate de 5 pesetas podían librar deste servizo. Aínda que este campo de prisioneiros fechou  en 1945, os traballos no aeroporto da Lavacolla mantivéronse coa achega forzosa até 1950. 

Para os submeter a un proceso de reeducación política que procuraba a recuperación moral dos derrotados e a asunción dos símbolos da nova España fascista, Santidrián recolle que os prisioneiros debían izaren e arriaren a bandeira fascista, alén de cantaren o himno da Falanxe para converter “o vencido nun home novo que pretendía a recuperación moral dos derrotados”.

Membros do Batallón Disciplinario de Soldados Traballadores nº 28 na Lavacolla

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios