A Irmandade pola Sanidade Galega homenaxea a Antón Beiras

A Irmandade pola Sanidade Galega homenaxeou na maña de hoxe a Antón Beiras García. Antón Beiras foi un reputado oculista galego, comprometido desde moi novo coa causa da lingua, da cultura e da Galiza

Antón beiras
photo_camera Acto de homenaxe a Antón Beiras na Facultade de Medicina. (Foto: Nós Diario)

A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu este sábado diversos actos en lembranza de Antón Beiras García. As actividades, promovidas pola Irmandade pola Sanidade Galega, colectivo integrado na rede Galeguizar Galicia, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Compostela e da USC.

A xornada rematou coa inauguración dun busto en homenaxe Antón Beiras. Previamente, tomaron a palabra no acto a voceiro do colectivo organizador, Flora Miranda, o alcalde Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez,  o reitor da USC, Antonio López e o fillo do homenaxeado, Hixinio Beiras.

Un ofmatólogo de prestixio internacional

Antón Beiras García (Compostela 1915, Vigo 1968) exerceu como ofmatólogo en Vigo durante dúas décadas. Durante ese período, significouse pola súa capacidade profesional e polas súas achegas ao estudo do estrabismo. Neste sentido, acadou sona polas súas pesquisas desta enfermidade ocular e pola invención dun aparello denominado Vigoscopio, que permitía un exame a fondo dos ollos.

Beiras significouse polo seu compromiso na galeguización da práctica médica. Segundo sinala a Nós Diario, Xosé González, un dos promotores da homenaxe, foi o autor do primeiro traballo científico redactado en lingua galega, que a Academia Médico Cirúrxica de Galiza publicou en 1957 na súa revista Referatas, titulado Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo.

González lembra como “nun congreso internacional no que  participou  para explicar o seu descubrimento científico para corrixir o mal do ollo birollo empezou a súa disertación  en galego e os asistentes montaron unha alporizada zarracina alegando que o idioma oficial do congreso era o inglés”.

A defensa fechada do galego

“Negouse a facelo nese idioma”, sinala González, argumentado que ‘para descubrir  as causas do estrabismo e idear un instrumento para corrixir ese defecto visual, tiven que documentarme estudando a bibliografía publicada en inglés, castelán, francés, portugués, italiano e alemán. Xusto é que agora os que os congresistas aprendan o galego, que é o idioma no que concibín as miñas investigacións, se teñen interese nelas”.

O compromiso de Antón Beiras con Galiza mantívose intacto nos anos da ditadura. Militante do grupo xuvenil nacionalista Ultreia e da Federación de Mocidades Nacionalistas durante o período republicano, fixo parte do sector arredista deste colectivo, até o punto de ser o responsábel que a organización asumise como seu himno, a letra elaborado por Brañas para himno da Galiza, onde se reivindicaba “a independencia da nosa patria”.

Beiras fixo parte do núcleo fundacional de Galaxia en 1950, integrando o seu primeiro consello de administración. Canda Rufo Pérez non tardou en separarse do grupo por discrepancias respecto a táctica seguir, manténdose como galeguista independente en contacto co resto das forzas da oposición democrática

A súa prematura morte con 53 anos primou ao país dun científico de primeira orde e dunha persoa comprometida de xeito inquebrantábel coa cultura galega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios