Pardo de Cela na historia e na lenda

Mesmo cos ingredientes que permiten outorgarlle o cualificativo de mito ou lenda á figura do mariscal Pardo de Cela, aínda así a máis rigorosa investigación actual recoñece que o relato tradicional, pertinazmente vivo na área en que se desenvolveron os feitos, non pode ser obviado á hora de reconstruír unha historia na que abondan baleiros e incertezas.
Escudo de armas Pardo de Cela e da súa muller Isabel de Castro procedente do castelo da Frouseira e depositado no Museo de Lugo.
photo_camera Escudo de armas Pardo de Cela e da súa muller Isabel de Castro procedente do castelo da Frouseira e depositado no Museo de Lugo.

Na procura de métodos precisos para investigar o pasado e transmitirllo ao público da mellor maneira, a historia, despois de ter incorporado as análises profundas das estruturas económicas e de todas as manifestacións da vida colectiva (desde a demografía ata as mentalidades), hai xa algún tempo que recuperou o interese por factores de alcance máis limitado ou de interpretación dubidosa, como son a biografía de personaxes representativos ou, incluso, o mito e a lenda, que anteriormente (e non sen motivo no seu momento) foran desterradas por incertas, insignificantes ou deturpadoras da dimensión colectiva do decurso histórico. Mais a restauración da narración e do papel do individuo na historia non pretende agora glorificar figuras a costa de ignorar o carácter social da historia, senón entendéndoo como "encarnación concreta dos grandes movementos da historia" (J. le Goff). Así, a biografía pódenos servir para "chegar a saber máis sobre a sociedade, da mesma maneira que para estudar a arte se pode partir dun monumento" (G. Duby). 

Do mito cabe facer unha valoración semellante, máxime cando "o tránsito do histórico ao mítico é fluído", pois o mito "é algo así como unha memoria viva" (H.-G. Gadamer); útil para fomentar a empatía co lector, mais tamén para servirnos de fonte cando fallan os demais recursos, xa que polo xeral no fondo do mito encóntrase, fixado e sublimado, algún acontecemento que deixou pegada profunda nos seus contemporáneos, ata o punto de transmitirse oralmente, practicamente invariable, a través dos séculos, mesmo nun diálogo interpretativo coas inquietudes das sociedades que sucesivamente o reciben, aínda que isto se faga trasladándoo a un contexto diferente. 

O relato tradicional

A figura do mariscal Pedro Pardo de Cela constitúe un caso paradigmático do que acabamos de dicir. Mesmo cos ingredientes que permiten outorgarlle o cualificativo de mito ou lenda, aínda así a máis rigorosa investigación actual recoñece que o relato tradicional, pertinazmente vivo na área en que se desenvolveron os feitos, non pode ser obviado á hora de reconstruír unha historia na que abondan baleiros e incertezas.
Desde que en 1901, nas páxinas da revista Galicia Histórica, Villaamil y Castro iniciara as modernas investigacións sobre o Mariscal, a luz foi progresivamente iluminando, en achegas de sucesivos estudosos, o espazo da súa significación histórica, acoutando o pertencente á lenda. O logos foille tomando o relevo ao mito, sen por iso prescindir del. 

Así, o descubrimento e publicación do testamento do Mariscal por Eduardo Pardo de Guevara ("El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento", Cuadernos de Estudios Gallegos 126, 2013) semella desbotar a tradicional data do 17 de decembro de 1483 como a da súa execución na praza de Mondoñedo, posto que o documento redactouse o día 1 de outubro, engadíndoselle un codicilo o día 3, e testemuñas presenciais aseguran que isto último aconteceu inmediatamente antes da execución; tal vez o día anterior. Mais o recordo aférrase á data mantida pola transmisión oral, e tal vez non haxa motivo para cambiar a tradición, máxime cando en realidade o testamento non certifica ningunha data. 

Nun traballo recentemente publicado, A. X. Meilán García ("Os últimos días do Mariscal, Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro 9, 2019), ademais de precisar as circunstancias e percorrido desde a prisión ata a morte, así como a existencia da súa sepultura na catedral de Mondoñedo, parece demostrar sen paliativos un aspecto causante de certa controversia: o da directa responsabilidade e participación da Igrexa mindoniense (bispo e Cabido) nos sucesos. Algo que, por certo, xa Vicetto atribuíra en concreto ao bispo Fadrique de Guzmán, e que en nada contradí o feito de ser o Mariscal un devoto cristián, como o eran todos naquela altura. Por algo é que a tradición pon a clérigos na ponte do Pasatempo de Mondoñedo estorbando o paso á muller do Mariscal para evitar que chegase a tempo de salvarlle a vida, cun suposto indulto no seu poder. 

Inmediatamente despois do seu apresamento na Frouseira, tras un longo e cruento asedio dirixido polo capitán Mudarra, que provocou abundantes vítimas, o Mariscal foi levado á casa de Afonso Iáñez, un cóengo de relevancia no Cabido, pois era capelán do bispo. Logo, en Mondoñedo, foi botado en cadea na casa doutro cóengo, Fernán Balea, onde testou e de onde pasou, case con seguridade sumarisimamente, sen xuízo, ao patíbulo. Observa así o prof. Meilán que o Mariscal foi de feito entregado ao clero mindoniense para axustar contas, e comproba que o groso do testamento (redactado naquelas condicións) está ocupado por legados á Igrexa; a familia e achegados só serán lembrados despois no codicilo. 

O enfrontamento coa Igrexa

O choque mortal coa Igrexa (e con outros competidores locais que axiña sinalaremos) era algo natural no contexto da Galicia de finais da Idade Media. O reforzamento dos señoríos que se producira cen anos antes coa vitoria de Enrique II sobre Pedro I (1369) non deixaba espazo folgado para tantos intereses, forzosamente en conflito, nun país moi dividido entre múltiples xurisdicións que se solapaban, desde cabaleiros e escudeiros ata bispos (e arcebispo), pasando por condes, cóengos, abades e abadesas. De entre todos eles, os bispos levaban a mellor parte; e mellorárona aínda co triunfo dos Reis Católicos. 

En realidade, a extremadamente dura acción rexia contra o Mariscal non deixaba de ser proxección, no máis elevado nivel da estrutura política, dun enfrontamento que se viña librando na base, a nivel local; as "ruíns paixóns xeradas por intereses privados" de que falaba Villaamil y Castro.
Estes intereses eran desde logo os da Igrexa, mais comprendían tamén outros que serían igualmente decisivos na morte de Pardo de Cela, e nos que non se ten feito suficiente fincapé. 

Do dominio que o Mariscal chegou a exercer sobre toda a zona da Mariña deixará constancia décadas despois (a principios do século XVI) o cronista Vasco d'A Ponte, ao asegurar que "se comía" todo o bispado de Mondoñedo, algo que obviamente o bispo non estaba disposto a aceptar, e menos cando a súa adhesión aos Reis Católicos (compartida por todo o episcopado) o colocaba en condicións de revocar a situación. Mais, polo mesmo motivo, tamén o enfrontaba a un membro da nobreza menor, o cabaleiro Xoán de Viveiro, outro parcial (e moito) dos monarcas desde o principio do conflito sucesorio, pois como é sabido Isabel a Católica escalou o trono a costa dos dereitos da súa sobriña Xoana (filla e herdeira de Enrique IV), mediante unha guerra civil con intervención portuguesa, pois Xoana estaba desposada con Afonso V de Portugal. 

A controversia do Mariscal con Xoán de Viveiro remonta a décadas atrás e constitúe un caso típico da conflitividade do momento. O cabaleiro herdaba dereitos señoriais sobre a vila de Viveiro, conseguidos polo seu pai en 1452, con desagrado dos veciños, pero unha vez no trono Enrique IV, boa parte da aristocracia, descontenta coa súa política restritiva dos privilexios señoriais e favorable aos Concellos, púxose abertamente na súa contra, ata pretender infrutuosamente destronalo mediante un golpe de Estado e unha guerra civil iniciada en 1465. Entre os inimigos de Enrique IV estaba Xoán de Viveiro. 

Pardo de Cela, en cambio, estaba no bando do rei, e por iso, xa desde 1464 era alcalde no Concello de Viveiro, institución que o ano seguinte o reelixía, nomeándoo "alcalde do dito Conçello polo dito señor rei", segundo consta na acta correspondente, ao tempo que o monarca agregaba a vila á Coroa e desposuía do señorío a Xoán de Viveiro. Estamos nas vésperas mesmas da revolución irmandiña, cuxa data de inicio vense poñendo no ano 1466. 

Tras unha intensa serie de vicisitudes que non ven a conto relatar agora, en 1468 Isabel a Católica converteuse na candidata da aristocracia e, como xa se sabe, ascendeu ao trono tras vencer na guerra civil, en 1479.
Ao longo de todo o conflito (non só na guerra contra Xoana e Portugal, senón xa na previa conspiración contra Enrique IV) Xoán de Viveiro tivo unha intervención moi activa, que Isabel lle agradeceu outorgándolle en 1473 o título de Vizconde de Altamira (cuxo referente territorial non está totalmente claro, aínda que puidera ser a Altamira de Viveiro ou a de Ortigueira, tal como nos indica J. L. Vivero Pol), con dereitos sobre Viveiro e algunha outra localidade fóra de Galicia, por certo sempre coa sonora protesta dos veciños. O choque co Mariscal estaba servido, máxime cando Pardo de Cela era firme defensor de Enrique IV. 

Pardo de Cela e as irmandades

O encadramento de Pardo de Cela ao lado do rei condúcenos a outra cuestión, en relación directa co anterior, coa que se cruza de maneira inseparable, pero que foi relegada ao lugar do mito ou da lenda. Alguén chegou a propoñer que o Mariscal fóra irmandiño, e isto, naturalmente, formulado de maneira tan esquemática e dentro da visión deformada con que soemos contemplar o movemento das irmandades, considerouse un contrasentido sen fundamento, posto que está moi estendida a imaxe dunha revolución con límites de clase perfectamente trazados: o pobo (maiormente labregos) contra os nobres. E a isto xúntase a coñecida anécdota narrada por unha testemuña do Preito Tabera-Fonseca, sesenta anos despois dos acontecementos, segundo a cal o Mariscal recomendaba ao seu sogro, o conde de Lemos, que "énchese os carballos de vasalos"; ou sexa, que colgase cantos máis revoltosos. 

É necesario facer notar que, sen por iso deixar de ser revolucionario, o movemento das irmandades non foi unha revolta tumultuaria de espontáneo descontento labrego, senón unha ben organizada mobilización contra a aristocracia rebelde, dirixida polos concellos e lexitimada pola autorización do rei. Nunha situación de guerra civil da maior parte da nobreza e o clero contra Enrique IV, as irmandades galegas constituíron o seu principal soporte, e neste reino neutralizaron ata tal punto aos nobres anti-lexitimistas que algún deles, constrinxidos polo mandato rexio, optaron por afiliárense á Irmandade, evitando así incorrer en delito de lesa maxestade e coidando poderen salvar as súas fortalezas, que de todas formas lles foron derrocadas. Tal foi o caso da condesa Tareixa de Zúñiga e do seu fillo Bernardino Sarmento; de Álvaro Pérez de Moscoso, "señor poderoso" de Santiago, membro destacado desa liñaxe; ou do conde Álvaro Páez de Soutomaior. 

De Pardo de Cela non temos constancia no mesmo sentido, mais non semella necesaria, pois a súa parcialidade en favor do rei (é dicir, a carón das Irmandades) queda fóra de dúbida. Tamén o está, desde logo, que tal belixerancia se explica polos seus propios intereses, como non podía ser doutra maneira. Con estas matizacións, non é nada disparatado soster que, moi probablemente, Pardo de Cela estivo, polo menos nunha primeira fase, no bando das Irmandades, que por outra parte a xeneralidade dos nobres e fidalgos abandonaron cando Enrique IV aceptou a humillante capitulación, en 1468, fronte aos partidarios da súa medio irmán Isabel a Católica. 

Despois, falecido o monarca en 1474, Xoán de Viveiro atopábase nunha posición extremadamente favorable, moi próxima aos Reis Católicos, e tiña por iso fundadas esperanzas de recuperar a xurisdición sobre Viveiro. En efecto, en 1476 os novos monarcas (aínda non rematada a guerra contra Xoana) cesaban dos seus cargos ao Mariscal e concedíanlle a el o señorío sobre a vila. Outras disposicións posteriores sumaron agravios e precipitaron o choque aberto do Mariscal contra a Monarquía. 

A execución do Mariscal

No coñecido e tráxico desenlace, non pode ser irrelevante o feito de Xoán de Viveiro estar casado con María de Acuña, nada menos que madriña na voda de Isabel con Fernando, en 1474, e no palacio que a familia tiña en Valladolid foron acollidos os recen casados mentres durou a guerra que lle deu o trono a Isabel. 

María de Acuña resultaba ser irmá de Fernando de Acuña, quen precisamente foi nomeado Xustiza Maior ou Vicerrei de Galicia polos reis en 1480 e expresamente reenviado con plenos poderes en 1483 para resolver o contencioso co Mariscal, cuxa memorable execución, cumprida ese mesmo ano na praza de Mondoñedo, ordenou, xunto con García López de Chinchilla. 

Con el –é xusto non esquecelo– foron tamén executados algúns outros membros do seu círculo. Non hai certeza de que un deles fose o seu propio fillo, Xoán Núñez Pardo, mozo aínda, mais si que nos consta a do cabaleiro Pedro de Miranda, parente do Mariscal. 

A magnitude do acontecemento daba motivos para que a lembranza se mantivese ao longo dos séculos, así como para que, salvando a distancia do tempo, fose obxecto de lecturas apartadas das circunstancias concretas que o provocaran e adaptadas a inquietudes do presente. En tanto que non se deturpe a exactitude histórica, isto non é nada que deba sorprender nin motivo de alarma. Acontece en toda parte e non por iso suscita esforzos desmitificadores. Por poñer un par de exemplos bastante semellantes e tocante á Monarquía Hispana: en 1521 foron decapitados os dirixentes do movemento comunero castelán, convertidos logo en mártires do castelanismo e a data instituída como Día de Castela. En 1568, na praza central (Grande Place) de Bruxelas, correron igual sorte os condes de Egmont e de Horne, símbolos do nacionalismo holandés fronte a España. A penas hai discusión sobre ambos casos. 

A historia de todos estes episodios (incluído o do Mariscal en Galicia) é complexa, pero os efectos que tanto no seu momento como nos posteriores chegaron a provocar forman tamén parte da historia.

Máis en Información do Reino
Comentarios