Unha palestra en Compostela analiza a figura de Pardo de Cela

Un coloquio que serviu como presentación do número monográfico do semanario Sermos Galiza que acompañará o xornal o vindeiro sábado 10 de decembro e que levará por título Pardo de Cela na Galiza do século XV.
A palestra desta quinta feira sobre Pardo de Cela en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera A palestra desta quinta feira sobre Pardo de Cela en Compostela (Foto: Arxina).

O centro sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela foi o escenario esta quinta feira para unha palestra sobre a rebelión galega contra a Castela do século XV, o papel na mesma de Pardo de Cela, a súa derrota e represión a mans dos Reis Católicos e as consecuencias para a Galiza das políticas aplicadas por estes monarcas.

Esta palestra serviu tamén como presentación do número monográfico do semanario Sermos Galiza que acompañará o xornal o vindeiro sábado 10 de decembro titulado Pardo de Cela na Galiza do século XV.

Carme Varela, Carolina Casal, Francisco Rodríguez, María Xosé Rodríguez Galdo, Anselmo López Carreira, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Alexandre Peres Vigo son as persoas que colaboraron na elaboración deste número especial do semanario.

A palestra

A palestra, organizada pola Agrupación Cultural O Galo, veu a cargo de recoñecidos especialistas neste tempo histórico. Así, o historiador e ensaísta Francisco Rodríguez reparou no ciclo aberto no país após a derrota da revolta galega da segunda metade do século XIV.

María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Compostela, tamén tomou a palabra durante a palestra. No seu caso analizou a realidade social e económica daquel momento e revisitou algunhas das posicións formuladas hai máis de 40 anos.

A historia e da tradición foron as perspectivas que o medievalista e historiador Anselmo López Carreira, tomou durante a súa intervención na palestra. López Carreira analizou para as persoas asistentes as relacións de Pardo de Cela co movemento irmandiño e a súa oposición á política dos Reis Católicos. 

Pola súa parte, o profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo reflexionou ao tomar a palabra sobre a visión da Galiza nas crónicas castelás e a articulación da galaicofobia. O relator, autor dunha tese de doutoramento sobre o tema, apuntou que até o século XV Galiza é presentada como un pobo rebelde.

Finalmente, a escritora Carme Varela e a doutora en Historia da Arte Carolina Casal analizaron o proceso de incorporación dos mosteiros galegos aos casteláns, coas súas negativas consecuencias no ámbito social, económico ou patrimonial.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios