O volume é o primeiro tomo dun estudo sobre a Galiza do século XIV

Francisco Rodríguez publica un libro sobre a 'relevancia do reino medieval galego'

O ensaísta e historiador Francisco Rodríguez presenta o vindeiro 9 de febreiro ás 19:00 horas nos salóns do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela a súa última publicación. Trátase do primeiro tomo dun voluminoso e documentado estudo sobre a Galiza da segunda metade do século XIV.

Francisco Rodríguez na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Laura Barcala)
photo_camera Francisco Rodríguez na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Laura Barcala)

Francisco Rodríguez ven afirmando desde hai máis de 40 anos que moitas chaves para explicar a situación da Galiza actual débense buscar no século XIX e na Baixa Idade Media.

Unha investigación de décadas de Rodríguez

A formulación, enunciada en 1972 nun seu primeiro titulado A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez, toma agora forma após décadas de investigación nesta nova publicación titulada Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Concretamente, a cuarta feira de 9 de febreiro preséntase o primeiro tomo da obra, subtitulado A relevancia do reino medieval galego.

O volume, cuxo adianto editorial recolle en exclusiva o exemplar de Sermos Galiza deste 29 de xaneiro, está editado, como anteriores obras do autor, pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e nas próximas semanas vai ser presentado en diversas cidades e vilas de todo o país.

O libro, consta con 544 páxinas e destaca pola súa coidada edición, onde recolle un bo feixe de imaxes sobre o período, entre elas gravados  sobras as grandes figuras do reino galego, procedentes, entre outras fontes, do Tombo B da Catedral de Compostela ou do Tombo de Toxosoutos.

“Colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia”

A AS-PG sinala que o volume está “feito con vontade de combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións que sobre ese período se teñen producido”. Ao tempo, lembra que “o libro nace tamén da necesidade de colaborar ao coñecemento sobre a nosa historia, aspecto no que a entidade editora conta con experiencia dabondo”.

A entidade editora destaca que “este Tomo I que agora ve a luz céntrase en evidenciar a relevancia incuestionábel do reino de Galiza analizando, debatendo e tirando conclusións tanto desde a historiografía oficial e académica como desde as fontes documentais existentes”.

A AS-PG significa que a obra de Rodríguez toma “en consideración a importante, e desconsiderada, historiografía que se ten esforzado, xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, favorecendo así a construción dunha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois”.

A revolución galega do século XIX

Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I A relevancia do reino medieval galego é a primeira parte dunha investigación máis ampla sobre a revolta galega contra Castela da segunda metade do século XIV, liderada pola familia dos Castro e que só puido ser derrotada após décadas por un conglomerado militar internacional, cunha presenza destacada de mercenarios franceses ao servizo de Castela.

A publicación do  II Tomo da investigación está prevista para esta primavera. O mesmo vaise centrar na resposta da sociedade galega á axenda política colonizadora de Castela e a aparición dun movemento, que Rodríguez cualifica como “nacional-popular” e cuxo fracaso provocou unha viraxe na historia da Galiza.

Comentarios