A Iniciativa Galega pola Memoria esixe o derrube da Cruz do Castro

A Iniciativa Galega pola Memoria, que agrupa ás asociacións que traballan na recuperación da nosa historia, esixe ao Concello de Vigo que acate a sentenza xudicial e derrube a Cruz do Castro. 

Cruz do Castro
photo_camera Cruz do Castro

En xuntanza desenvolvida o 4 de outubro, as asociacións que traballan na recuperación da memoria histórica, agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria decidiron aprobar unha declaración que urxe ao Concello de Vigo o derrube da Cruz do Castro seguindo o que ditar a sentenza xudicial. 

“Parécenos un paso atrás inaceptábel que se pretenda burlar a lexislación cunha interpretación interesada”, sinalan desde a IGM, que destacan o logro que supuxo o recoñecemento no ordenamento xurídico da ilegalidade de exaltar a ditadura franquista con monumentos ademais da propia sentenza xudicial que obrigaba á erradicación desta simboloxía. 

“A chamada lei da memoria foi no seu momento contestada por insuficiente polas asociacións memorialísticas, mais actuacións como as promovidas polo alcalde de Vigo xa suporían no caso de prosperaren nos seus obxectivos, a derrogación de facto daqueles aspectos máis positivos como é o caso dos que teñen que ver coa limpeza deste tipo de emblemas”, denuncian. Informan tamén de que solicitarán unha xuntanza co Secretario Xeral do PSOE na Galiza ademais de dirixírense ao Secretario Xeral do PSOE no Estado para mostrarlle o descontento coa actitude do alcalde de Vigo, militante da súa organización. 

Rexeitan, máis unha vez que se queira facer un tratamento igualitario das “vítimas e dos seus verdugos” co fin de salvar o símbolo franquista. “Reafirmamos a nosa posición de que non cabe outra solución que o acatamento da sentenza e o derrube da Cruz do Castro e eliminación da simboloxía anexa”, reclaman desde a IGM. 

15-O

O viendeiro 15 de outubro a cidade acollerá unha concentración diante do monumento convocada por forzas políticas, sindicatos e colectivos sociais para esixiren o derrube da Cruz e o acatamento da sentenza. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios