A Galiza na obra de Philippe Camus

A historia de Oliver de Castela e Artus do Algarve (II)

Na lembranza de Francisco Pillado.
Morte da princesa da
Galiza e nacemento de
Olivier (manuscrito da
Universiteitsbibliotheek Gent).
photo_camera Morte da princesa da Galiza e nacemento de Olivier (manuscrito da Universiteitsbibliotheek Gent).

Despois do fatal suceso da morte da princesa da Galiza, o rei de Castela entra nun episodio de profunda tristura, polo que a súa corte lle propón que considere unhas novas nupcias coa raíña do Algarve. O monarca acepta, sabendo que ela tamén fica en estado de viuvez e anda a educar un fillo en solitario. Este, chamado Artus, críase canda Olivier (froito do amor da princesa galega e rei castelán), polo que desde a infancia van ser amigos inseparábeis. A raíña do Algarve, muller moi belida e con arrebatos case incestuosos, namora de Olivier cando este se converte nun aposto rapaz. Porén, malia non teren lazos de consanguinidade, este rexéitaa por razóns ben obvias: ser a muller do seu pai e a nai do seu mellor amigo. Por mor das insinuacións e declaracións da dama, que até entra nun proceso persecutorio e de chantaxes, o mozo decide deixar o seu país e embarca rumbo a Constantinopla. Así e todo, as calamidades volven aparecer no relato, pois un temporal provoca que a embarcación perda o seu goberno e afunda. Sobrevive ao naufraxio non só o protagonista senón tamén un cabaleiro que o ha coidar até a súa recuperación.

A historia a partir dese intre discorre polas Illas Británicas, pois despois de chegaren a Inglaterra diríxense á cidade de Canterbury. Alí acontece o pasamento do seu compañeiro, polo que Olivier lle dá sepultura, fai que o absolvan de excomuñón e paga as débedas que tiña contraídas. Xusto nese instante, véñenlle novas que o cativan de vez, xa que osoberano do reino organiza unha xusta en Londres co obxecto de buscar esposo para a súa filla Helena. De incógnito, o español preséntase ao evento, no que consegue un éxito rotundo. O primeiro día leva indumentaria negra; o segundo, vermella (concretamente cando mata a Maquemor, un dos sete reis de Irlanda); e na última xeira gasta indumentaria branca.

Facendo unha pequena parada nesta narración, debemos comentar que Philippe Camus recrea a historia nun escenario xeopolítico bastante veraz. Velaí que os territorios que se din ducados (Borgoña), condados (Flandres) e incluso reinos si foron tales. Con respecto a estes últimos, figuran os da Galiza, Escocia, Inglaterra, O Algarve, Aragón e Castela, este tamén denominado España. Dentro deste grupo incorpóranse os da illa irlandesa, que na súa orixe eran cinco – cualificados superiores– e logo sete. Os mesmos constátanse documentalmente entre os séculos IX e XII e deles teñen tratado Francis Byrne, Sean Daffy e Henri Hubert, entre outros autores. Airgíalla, Connachta, Laigin, Ailech, Mide, Mumu e Ulaid son os nomes deses sete reinos celtas. Camus, ademais, está versado en cultura clásica, de aí que compare a fermosura da princesa Helena –futura muller de Olivier– coa da súa homónima de Esparta. Alén diso, na obra tamén se deita unha luz simbólica derivada das historias bíblicas, asumidas, en alto grao, polo ideal cabaleiresco.

De volvermos ao relato, deberiamos sinalar que o rei de Inglaterra recoñece o éxito do príncipe español (malia ignorar a súa procedencia) e solicita del que coñeza os cabaleiros do reino e agarde un ano antes de casar. Olivier accede á súplica mais, de aí a pouco, os soberanos de Eirín anuncian a guerra contra Inglaterra. Ante esta situación, o príncipe pide que o fornezan de hostes para loitar contra o inimigo. E así, xuntados vinte mil ingleses (xentes con armas, lanzas, arcos e espingardas), Oliver capitanea a defensa e efectúa estratexias bélicas fabulosas que o fan desembarcar con trinta navíos en territorio irlandés. De volta a Inglaterra, os heroes son recibidos con grande aplauso e o seu capitán relata como conquistaran cinco daqueles sete reinos e como trae presos os seus monarcas.

De aí a pouco, o soberano inglés anuncia os esponsais de Helena e asegúralle ao noivo que logo da súa morte ha ser o futuro sucesor no trono británico. Olivier axeonlla diante del e bícalle a man en sinal de respecto, agradecemento e loanza. Esta tamén ha ser manifestada polos cinco reis irlandeses.

Non moito tempo pasa até que o bispo une os cónxuxes en matrimonio e, segundo rezan os manuscritos que se conservan desta obra, na mesma noite de vodas Helena queda preñada dun fillo varón ao que lle porán de nome Henrique. Logo virá ao mundo Clarisa, a pequena da casa.

A partir deste instante xorde un novo escenario de intriga, pois estando de montería un rei de Irlanda, xustamente aquel ao que Olivier lle matara o seu pai na xusta de Londres, bate co príncipe español e resulta preso no medio dunha fraga. Encarcerado nunha torre, o alcaide retíralle as cadeas e –por simpatía e talvez clemencia– instálao nunha pousada. Novamente a historia dá un novo xiro, pois en liñas vindeiras recupera o seu protagonismo o infante Artus do Algarve que, en funcións de vicerrei, tivo ao seu recado os territorios de Castela. Axiña parte dese país e busca por todos os recunchos de Europa o seu benquerido Olivier: ignoraba a razón pola que partira como lume que levaba o diaño.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios