Reino da Galiza

Héitor Picallo: "A independencia da Galiza foi unha teima dos Castro"

Héitor Picallo (Cuntis, 1974) é un recoñecido investigador sobre o Reino da Galiza. Autor de traballos sobre as orixes do escudo e da dimensión internacional da monarquía galega, adianta os eixos das entregas que publicará no coleccionábel de 'Nós Diario' a partir desta quinta feira sobre os reis e as raíñas galegas.
Picallo vén de ser relator no congreso 'O Reino medieval de Galiza'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Picallo vén de ser relator no congreso 'O Reino medieval de Galiza'. (Foto: Nós Diario)

—No coleccionábel Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu que acompaña Nós Diario vostede analiza un período histórico que transcorre desde os tempos de Urraca ao fracaso da revolta galega do século XV. Que destacaría do mesmo?
Resulta difícil resaltar algo concreto. Moitos son os fitos acontecidos ao longo dese período, mais considero que a existencia de reis e raíñas que gobernaron Galiza sen selo doutros reinos, e estoume a referir por exemplo a Xoán de Gante e Constanza de Castela, achega unha carga de interese ben grande. Isto leva consigo que teñamos que numerar de novo a listaxe de monarcas, como vén facendo desde hai anos Anselmo López Carreira. Deste xeito cumpriría asignarlle ao de Gante o ordinal III, sendo así o noso Xoán III da Galiza.

—Achégase no seu traballo ás figuras dos grandes reis galegos Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII. Que significaría deles?
O tempo de Afonso VII vén a supor na Galiza pleno medieval o impulso dun rei galego mercé das clases dirixentes, lideradas polos titulares do condado de Traba. Tales próceres, que estenderon a súa política nos reinos da Galiza, León e Portugal, son protagonistas de primeiro nivel. Afonso Reimúndez non deixa de ser unha icona dunha Galiza catalizadora na península de sectores económico-sociais, políticos e culturais.

Por outra parte, Fernando II e Afonso VIII son talvez os monarcas máis vinculados co noso país no contexto dos séculos XII e XIII. Con eles a Era Compostelá brillou alén e aquén dos Pireneos. Amais diso, resultaría axeitado facer unha análise rigorosa da diplomática do último terzo do século XII e cuestionarse se Afonso VIII naceu ou non en Zamora. Hoxe por hoxe temos que sinalar que os primeiros documentos nos que se menciona retrotraen a súa nacenza ao ano 1170, mais estes textos foron emitidos desde Compostela e están vinculados coa diocese de Tui.

—Repasa na súa publicación o conflitivo e decisivo século XIV galego. Que representou para o país o fracaso da revolución galega do século XIV?
Así como no século XII a casa de Traba foi a máis destacada do país e influíu de forma decisiva na nosa política, a casa dos Castro (ou de Lemos) veu a herdar o espírito soberanista galego. A independencia da Galiza con respecto a Castela foi unha teima continua en moitos representantes desta última liñaxe, tanto é así que a súa “galeguidade” farase notar incluso no século XVII. Velaí El buho gallego de Pedro Fernández de Castro. Mais esa soberanía galega está adscrita a un movemento “pro atlantista” que procura relacións continuas e constantes con Portugal. Tal liña non só se vería axudada polo país veciño, xa que Inglaterra xogou un importante papel neste feito.

—Remata na súa achega no reinado da raíña Xoana, coñecida pola historiografía oficial como ‘A Beltranexa’. Que representou esta monarca para o país e porque contou con tantos apoios entre a nobreza galega?
Certo é que até a segunda metade do século XV imperou unha corrente atlantista, por veces coincidente coa lexitimista, como pode ser no caso de Xoana 'A Beltranexa'.

Porén, non debemos esquecer que os reinos non deixaban de ser propiedades dun determinado soberano e que en alto grao a nobreza galega, neste caso, buscaba defender tamén os seus propios intereses. Así as cousas, que existise unha relación máis fluída con Portugal –e non tanto con Castela– a Galiza íaa favorecer de vez polo control de mercadorías por vía marítima na zona atlántica.

A política atlantista da Galiza

Héitor Picallo ten centrado parte das súas investigacións nas relacións do Reino da Galiza co espazo europeo así como na política internacional das clases dirixentes galegas. Picallo lembra que "Eduardo de Woodstock –Príncipe de Gales- puido acadar o trono galego por terllo prometido Pedro I de Castela”, até o punto de que o fillo de Eduardo III ofreceulle a rexencia a Fernán Ruis de Castro.

As investigacións que Picallo pública a partir de mañá en Nós Diario significan que “o impulso 'anticentralista' castelán que se viviu na Galiza provocara anos atrás, xusto despois do crime de Montiel, que os galegos nomeasen como rei da Galiza o monarca portugués Fernando 'O Formoso', coa denominación de Fernando V. Picallo estuda o reinado de Xoán III da Galiza, Xoán de Gante, e apunta á tradición atlantista da Galiza.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios