'As grandes raíñas galegas na historia', de Sermos Galiza, entre as gañadoras do III Fondo de proxectos culturais do Reino da Galiza

A Deputación da Coruña reparte case 190.000 euros, con premios de entre 10.000 e 20.000 euros.
Tareixa de Portugal, raíña consorte da Galiza e nai das infantas Sancha e Dulce, nunha imaxe da Genealogia dos Reis de Portugal. / British Library
Tareixa de Portugal, raíña consorte da Galiza e nai das infantas Sancha e Dulce, nunha imaxe da Genealogia dos Reis de Portugal. / British Library

Proxectos audiovisuais, literarios, transmedia e mesmo unha mantelaría de mesa difundirán a historia do Reino da Galiza por terceiro ano consecutivo grazas á iniciativa da Deputación da Coruña "Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza", que vén de dar a coñecer as propostas gañadoras da súa terceira edición.

Entre as iniciativas seleccionadas figura 'As grandes raíñas galegas na historia', un proxecto ideado por Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, para pór en valor e dar a coñecer as grandes mulleres históricas que deixaron pegada nese período. 

O departamento de Cultura da Deputación fixo pública a relación das quince propostas gañadoras do III Fondo de proxectos culturais do Reino da Galiza, que conta cun investimento final de 188.515 euros, repartidos en premios de entre 10.000 e 20.000 euros. Entre os traballos premiados están, ademais da proposta desenvolvida por Sermos Galiza, unha novela gráfica sobre a historia do viño na Galiza, un proxecto transmedia de visibilización das raíñas galegas, un podcast medieval e unha mantele+ría de mesa con motivos do Reino.

 A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a calidade dos proxectos seleccionados, "moi na liña dalgúns dos obxectivos que ten o fondo,  como mudar o relato hexemónico, e avanzar no camiño de normalización da nosa historia". "Unha historia", engadiu, "que debe sernos propia, pois o período medieval galego é un dos de máis esplendor e dos máis identitarios que temos como pobo".

Trátase da terceira edición deste certame que ten como obxectivo combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval da Galiza a través do apoio a proxectos que contribúan á súa divulgación e posta en valor.

Proxectos gañadores

  • 'Laudatio funebris no Reino da Galiza da morte, o pranto e o alén', de Noente Paradise, (20.000 euros).
  • 'As grandes raíñas galegas na historia', de Sermos Galiza (14.515 euros).
  • 'Martiño de Dumio: unha ollada á espiritualidade popular no Reino de Galiza', de Orgullo Galego (14.000 euros).
  • 'Cómic-novela gráfica sobre a historia do viño en Galiza', de Santos e Gonta (14.000 euros).
  • 'Iohanes in Eremo', de Vanesa Trevín Pita (14 000 euros).
  • 'Raíñas de Galicia. Proxecto transmedia de visibilización das protagonistas da nosa historia', de Ciencia Galega Industrias Creativas (14 000 euros).
  • 'A costa e os castelos', de Alejandro Gándara Porteiro (14 000 euros).
  • 'Reino de Galicia á escena', de Alba Bermúdez Iglesias (14 000 euros).
  • 'Rolán, Orlando, Roldan transita polo Reino de Galiza', de Ignacio Vilariño Sanmartín (10.000 euros).
  • 'Do Reino (e) dos amores proscritos. Un reino esquecido, unha historia por contar', de José Alberto Rodríguez Bello (10.000 euros).
  • 'A Revolta, un podcast medieval', de Fernando Rodríguez Gómez (10.000 euros).
  • 'Verdades e mentiras da Gran Revolta Irmandiña', de CRU Producións (10.000 euros).
  • 'Mantelería individual de mesa para restauración en papel conforme a normativa-Reino da Galiza', de Alberto Sánchez Regueiro (10.000 euros).
  • 'Personaxes no mapa do Reino', de Suseia (10.000 euros).
  • 'Códice feminino', de María Rúa (10.000 euros).

Comentarios