Melide acolleu hai 500 anos unha importante asemblea contra o centralismo castelán

A Galiza que quixo volver a ser de seu

O 4 de decembro de 1520 reúnense en Melide as fraccións dirixentes da sociedade galega, no marco dun movemento de fondo que tenta rectificar a marcha da Galiza tras a derrota de finais do século XV. Hoxe, transcorridos 500 anos daquel encontro, o Concello e o Museo de Melide xúntanse para volver á historia aquela xornada.
O mosteiro compostelán de San Francisco acolleu a primeira sesión das cortes de 1520. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O mosteiro compostelán de San Francisco acolleu a primeira sesión das cortes de 1520. (Foto: Nós Diario)

Galiza entrou rebentada no século XVI. A derrota da revolta contra Castela liderada polos condes de Lemos, Pedro Madruga e Pardo de Cela unhas décadas antes e a aplicación da axenda represiva dos Reis Católicos non significou o final da oposición galega á política centralizadora de Castela. As repetidas rebeldías de Rodrigo de Castro, Fernando de Andrade e Alonso de Fonseca contra a raíña Isabel A Católica, as negociacións secretas da oligarquía galega con Maximiliano de Austria na busca dun novo status para o país ou as demandas da nobreza galega nas cortes de Santiago e A Coruña e na xuntanza de Melide de 1520 foron expresións evidentes 
das mesmas.

A asemblea de Melide decorrida o 4 de decembro de 1520 non foi un feito illado e cómpre contextualizalo dentro dun movemento de fondo dirixido a restaurar as liberdades galegas, que se agudizou após a morte de Isabel A Católica en 1504. Un dos feitos senlleiros deste proceso foi a toma de Ponferrada en marzo de 1507 polas tropas do conde de Lemos, Rodrigo de Castro, após reforzar a súa alianza con Fernando de Andrade e o seu cuñado, o Marqués de Astorga, e fechar o apoio da casa real portuguesa, para restaurar o vello proxecto dunha Galiza arredada de Castela e virada a Portugal, derrotado militarmente na penúltima década do século XV.

A derrota de Rodrigo de Castro diante de Xoana II de Castela e o posterior acordo de paz non deixou sen folgos o núcleo dirixente galego, que seguiu acumulando forzas á espera dun momento máis propicio. Pola contra, ao longo deses anos aumentaron os vínculos entre os Fonseca, os Castro e os Andrade, moi particularmente tras o compromiso entre o neto de Rodrigo e a filla de Fernando, o que rematou unindo nunha soa liñaxe as dúas casas máis poderosas da Galiza. Ao tempo, os señores galegos que xa xogaron a carta da dinastía austríaca fronte aos Trastámara, aproveitaron o conflito de Carlos V cos seus vellos inimigos, a nobreza castelá, para volver reivindicar un papel reitor para a Galiza no espazo ibérico.

O antecedente inmediato da xuntanza de Melide foron as cortes convocadas en Santiago de Compostela e na Coruña en marzo e abril de 1520. Antes do comezo das mesmas, o 31 de marzo, o arcebispo de Compostela, Alonso de Fonseca, e o conde de Vilalba, Fernando de Andrade, demandaron a presenza propia da Galiza nas cortes e criticaron que a representación do país correspondese a Zamora. Segundo recolleu o cronista de Carlos V, Prudencio de Sandoval, nesta xornada produciuse unha forte discusión entre Andrade e o procurador burgalés García de la Mota, que rematou co abandono da reunión dos nobres galegos. As reclamacións formuladas en Compostela foron en boa medida a táboa reivindicativa do encontro de Melide.

O conclave de Melide

A escolla de Melide para a realización da reunión do 4 de decembro de 1520 respondeu a cuestións técnicas pero tamén políticas. Así, entre as primeiras destacaron a súa centralidade xeográfica de Melide e o feito de estar en parte ben comunicada pola principal ruta de peregrinación a Compostela. Entre as segundas, significouse o carácter simbólico do emprazamento, sede da asemblea irmandiña de 1467 e punto de reunión de diferentes cumios das clases dirixentes galegas ao longo do século XV.

A asemblea de Melide congregou o núcleo duro da oligarquía galega. Segundo se recolle nas actas da reunión, alí compareceron en persoa, entre outros, Alonso de Fonseca ou Fernando de Andrade e mandaron adhesión os condes de Altamira e Monterrei, o marqués de Astorga, o bispo de Lugo, o deán de Mondoñedo e a condesa de Lemos, dona Beatriz de Castro, filla e herdeira do vello Rodrigo, auténtico guía da nobreza galega que morrera pouco antes de ter lugar o conclave. 

O programa político aprobado en Melide e enviado ao rei Carlos V foi a expresión dun grupo social disposto a manter un papel reitor do país, mudar a sorte do mesmo e rectificar o proxecto centralizador dos monarcas da Casa de Trástamara. Así, entre as súas demandas formularon o voto para a Galiza nas cortes, a derrogación de parte da lexislación represiva vixente desta a etapa dos Reis Católicos, a devolución do goberno efectivo do reino ás clases dirixentes galegas e o impulso á actividade comercial na Galiza, abríndoa aos negocios marítimos cos terras americanas. Unha parte das reivindicacións foron asumidas por Carlos V pero non as esenciais, se ben este rei detivo parte da axenda centralizadora dos seus avós.
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios