AFONSO EIRé, AUTOR DE "O PILOTO. O úLTIMO GUERRILLEIRO"

“O franquismo e o PCE coincidiron á hora de ocultar a guerrilla galega” 

No libro O Piloto. O último guerrilleiro (Hércules Edicións) o xornalista e escritor Afonso Eiré ofrece unha documentada historia dun combatente que podería ter sido un mito mais foi inxustamente esquecido. 

Afonso Eiré
photo_camera Afonso Eiré

O obxectivo de Eiré con este libro non só é recuperar a memoria do Piloto senón tamén desvelar a verdadeira dimensión da guerrilla galega, a primeira en se levantar contra o franquismo e a que máis tempo resistiu. 

-Un documental e un libro arredor do Piloto, vía a necesidade de afondar na súa figura?

Neste ano cumpriuse o cincuenta anos da súa morte e é o centenario do nacemento. Levaba anos traballando na súa figura mais algunhas fontes pedíranme que non sacase algúns datos até que non morreran. Hai dous anos faleceu  o Xesús de Trasouteiro e considerei que xa era tempo de contar a verdade da súa historia, nesas dúas datas emblemáticas que eran interesantes para dar a coñecer a súa figura. O pasado ano fíxoselle outra homenaxe na que participou moita xente, mais nos discursos decateime de que moitos dos que falaron dicían cousas incertas, como tamén nalgúns libros hai datos e interpretacións que non se corresponden coa realidade. 

-Por que esas testemuñas non querían que se contasen até despois de morreren?

A guerrilla recollía nos seus estatutos que non se debía falar nin para ben nin para mal do que pasara. O PCE era da mesma opinión. Todo ese silencio vivino en primeira persoa ao comprobar que xente próxima tardou moito tempo en falar. Ao principio pensei que era por medo mais era por cumprir con ese principio. Algunha persoa que entrevistei mesmo insistía en que falaba dela mesma mais que non era chivata. Iso é o que non entenden moitos historiadores, algúns vindos de fóra, á que, ademais, a xente non lle conta por non ter confianza. Por outra parte, a propaganda que se impuxo contra o Piloto e a guerrilla foi esmagante e mesmo algunha xente continuaba a falar del como atracador. Con esa propaganda que deu unha idea negativa da guerrilla é lóxico que a xente que tiña información non saíra a dar a cara nin se sentira fachendosa da guerrilla nin dos guerrilleiros. Perviviu a idea do franquismo. 

-A que se debeu eses silencio sobre a guerrilla e, concretamente, sobre o Piloto?

O historiador Armand Basebre, poño por caso, di que, paradoxalmente, a negación e o esquecemento da guerrilla reuniu nunha mesma esfera de complicidade á dirección do PCE e ao aparato propagandístico de Fraga Iribarne. Se non se contempla o interese do PCE de deturpar este movemento, non se entende o silencio que ocultou ao Piloto, que tiña que ser unha figura histórica. Gregorio Morán, na súa historia do PCE pregúntase por que Carrillo decidiu borrar a guerrilla. Carrillo di que nunca apoiou a guerrilla e que el estivo en contra da loita armada. A que chamaron reconciliación nacional non comezou coa Transición senón xa nos anos cincuenta, cando o PCE decide deixar a loita armada e abandonar os guerrilleiros á súa sorte. Por iso é máis fácil reivindicar os represaliados, que os loitadores contra o franquismo, porque é máis asumible pola sociedade. 

-Ao seu ver, recupérase a figura de vítima e non de combatente?

Os combatentes tamén foran vítimas mais o que si  é certo é que o recoñecemento á guerrilla en Francia e outros países é moito maior que no Estado español. Foron os loitadores os que recibiron máis recoñecementos despois da Segunda Guerra Mundial cando aquí se laminan da memoria histórica de xeito oficial. Isto leva ao descoñecemento e á ocultación sistemática e metódica, ás veces por non saber e outras intencionadamente. Cómpre lembrar que a guerrilla galega foi a primeira en autoorganizarse. Xa no 1938 se propón unha segunda fronte en retagarda. O goberno de Negrín tiña medo de que Galiza se declarara independente porque o certo é que a oposición armada se autoorganiza dous anos antes de que en calquera parte do estado. Logo é cando o PCE toma a guerrilla. A realidade é tamén que a guerrilla galega dura moitos anos máis que no resto. En Galiza falan mesmo do Pancho como o último guerrilleiro, ao que matan no 53 mais, que xa  asumira as directrices do PCE e abandonara a loita armada e pasa a formar parte do Comité Central de Galiza como responsábel da zona de Ferrol. Ecapapiloton Cataluña está Ramón Vila, que Pilar Eiré sinala como último guerrilleiro e logo ten que pedir desculpas por ter dado este dato falso. Todo isto ten como obxectivo tirarlle protagonismo á guerrilla galega dicindo que rematou nos anos corenta e quitándolle ao Piloto a condición de guerrilleiro. 

-Como lle dá vostede a volta a esa interpretación no seu libro?

Hai algo que nunca se conta. O Piloto o 9 de xuño de 1963 asina como xefe da Guerrilla de Lugo un chamamento dirixido ao pobo galego, aos comunistas e antifranquistas, para que fagan unha folga xeral política e afirma nel que 165 galegos pediron o ingreso no Partido Comunista e nas guerrillas desde a morte de Julián Grimau. O manifesto do Piloto, que remataba dando vivas ao PC e á Pasionaria, foi enviado á Radio Pirenaica que non o fixo público. Pola contra, convidaban o Piloto a poñerse en contacto co Comité Central. O PC censuraba a guerrilla galega e os propios guerrilleiros chegan a dicir que as infiltracións viñan por parte do propio Comité Central e do PCE da zona da Coruña. Por iso a guerrilla actuaba en nome do PCE mais non tiña contacto coa cúpula do partido porque Carrillo perseguía os guerrilleiros que non querían depoñer as armas. O propio Piloto non se confiaba da dirección do partido. 

-O partido non tentou que fuxira a Francia?

A propaganda dicían que lle procuraran saída para Francia e el non quixo. Gregorio Morán pregúntase, en cambio, por que Carrillo non procurou salvalos e o guerrilleiro Jesús de Cos comenta que os que pasaban a Francia eran considerados desertores. Quico, guerrilleiro vivo, di que “o meu partido” os abandonou e que foi o PCE quen os silenciou, que nas agrupacións galegas non tentou sacar a ninguén e que os que saíron, coma el, foi pola súa conta. Isto é o contrario do que se conta porque a que se creou foi unha idea da guerrilla galega totalmente mediatizada pola española. Aquí non eran os do monte, non eran maquis, estaban nas casas e facían labor político, de concienciación. 

-Vostede identifica 105 casas no concello de Chantada que daban acubillo á guerrilla. O apoio social era tan sólido?

Só en Chantada, o que quería dicir que había moitas casas nas que podían refuxiarse. Na guerrilla galega houbo unha diferencia importante que é que non se deron case delacións internas. Nos anos sesenta a cabeza do Piloto valía 500.000 pesetas e un viciño lembraba o outro día que o seu avó comprara daquelas un solar por 50.000, para que nos fagamos unha idea. O apoio vese tamén noutro exemplo. Cando o guerrilleiro Ramón Vila morre en 1963 en Cataluña non deixan que se enterre en camposanto. Aquí, en cambio, ao Piloto enterrárono como un viciño máis e non lle faltou quen lle puxera flores. En Cambio, en Castellnou de Bages fixeron un museo na memoria de Vila e aquí esqueceuse do Piloto. O que estou a ver é que, despois do documental e o libro, a xente sae do armario e comeza a contar a relación da súa familia co guerrilleiro. Vólvese sentir gabanciosa de que estivera en Chantada e de que morrera aquí, estase a dar un claro cambio de percepción. 

-Mais vostede recoñece tamén que o Piloto foi un mito en vida...

O que contan é que se chamaba ao Piloto contra a garda civil e os fascistas... case se invocaba. O que é certo é que na zona de Chantada, onde gañara a Fronte Popular, foi das que menos represión rexistrou. A guerrilla sabía que non ía derribar a Franco con atentados e tiña un papel intimidatorio. 

-Contra a idea que se quixo impoñer, vostede dá datos de que o Piloto era un home con ideas políticas sólidas. 

Como di Reigosa, tiña as ideas moi claras e actuou nas distintas etapas conforme ao que pensaba. A xente non dá entendido porque continúa nos anos sesenta e por que ten idea de convocar a folga xeral. Carrillo amagaba a cotío coa convocatoria, pero nunca se decidiu, que logo é o Piloto quen a fai, escrita coa súa letra en galego e poñendo ao final “Galiza Ceibe”. Carrillo non quería convocar a folga xeral porque a que se convocara no 59 custáralle á Pasionaria a Secretaría Xeral e el tiña medo ao fracaso e perder tamén o posto. Este episodio é básico para entender a figura do Piloto, un home que ese dedica a defender aos veciños nas expropiacións dos encoros de Belesar e Os Peares, onde veñen traballar como presos políticos compañeiros que estiveron con el en Carabanchel. O Piloto era un home politizado, moi hábil, con don de xentes e moi destemido. 

-Relaciona a figura do Piloto e a súa influencia coa creación das Comisións Labregas na comarca, na que vostede participou. 

Moitas cousas non se ven até que se afonda nelas. Desde neno oíra falar del, mais na miña casa pouco porque o meu avó fora detido acusado de pertencer ao seu grupo. Dúas veces ao ano viñan revolver a casa para ver se había armas. Cando me puxen a investigar dinme conta da importancia que tivo. Cando se crearon os Comités de Apoio á loita labrega no 73 viamos que se medraba moi rápido sen saber moito a razón. Dábase a circunstancia de que eran zonas onde estivera a guerrilla. Na primeira grande tractorada, no 76, participaron a maior parte dos tractores de Chantada, menos cinco. Decidiuse ir onde o Cerralleiro de Viana e veñen catro persoas e din que a súa delación levou aos seus pais ao cárcere. Mesmo cando montamos as Comisións Labregas, un veciño, Xesús, aparecía sempre par alevar á casa no seu jeep, e anos despois pregunteille que facía. “Andabámoste gardando, tiñamos medo de que che fixeran algo”, díxome. Era un colaborador da guerrilla que quería que se montara algo contra o franquismo e que se organizara a xente. Desde que morrera ao Piloto até que montamos as Comisións e o SOG só pasaran 7 anos que para a xente maior non era nada. Alí estaba toda a memoria aínda viva. 

-Laiase de que o PCE ocultase a guerrilla, mais o nacionalismo reivindicou a súa memoria?

A dirección non a reivindicou mais o grupo da ANPG en Xornalismo en Madrid, por exemplo, comezou a entrevistar guerrilleiros en 1976 para facer un arquivo. Cando logo nace A Nosa Terra, a recuperación da memoria histórica é básica, e era o nacionalismo quen o promovía. Logo xente como Carlos Basalo, Ramón Muñiz, Celeiro, Morgan ou Pablo Liz, continuaron recorrendo Galiza e entrevistando a moitas persoas. A primeira homenaxe no 1986 foi promovida tamén por nacionalistas. O meu libro non se poden entender sen a miña presenza en A Nosa Terra, desde a que tiven acceso a moita xente e a contribución de moitos historiadores, sobre todo locais. Para nós a memoria histórica era un eixo fundamental, como se pode ver na produción editorial e no propio xornal. 

-No libro relata episodios descoñecidos, a memoria oral foi fundamental pAfonso Eiré ara chegar á verdadeira historia do guerrilleiro?

Este non é un traballo que comezara agora. Inicieino nos anos 78 e 79 coa entrevista a Mirelle, a muller do Piloto que nos abriu a moitos outros contactos importantes, como despois fixo tamén Quico. Como son de Chantada fun chegando a testemuñas que se abrían comigo, con confianza, e esa memoria toda está no libro. Pretendín que non fose un libro só para historiadores e xente interesada senón para difundir a memoria do Piloto a todo o mundo e por iso optei polo formato de novela de non ficción. A realidade, como neste caso, pode ser máis literaria que a propia ficción. O libro combina investigación, o xornalismo que a min me gusta, e a narración. 

-O libro bota por terra tamén a imaxe dunha Galiza submisa ao franquismo...

Ese é o tema. Se aquí se quere crear unha fronte no 38 e se organiza a resistencia dous anos antes e é a última en renderse e ten a ver coa creación do novo nacionalismo está claro que todo isto non interesa que se conte. Quérese traducir a nosa historia ao español. Que haxa 150 casas en 36 parroquias que apoiaban a guerrilla fala dunha Galiza insubmisa que non cadra coa imaxe que se quixo dar do que aquí aconteceu. 

comentarios