Entrevista

Francisco Rodríguez: "Había dúas estratexias enfrontadas, entre a dependencia e a hexemonía"

O "castrismo" foi o dique final do poder galego hexemónico, que só podemos comprender estudando as mudanzas xeopolíticas europeas, nas que Galiza adoptaba unha posición propia. Francisco Rodríguez (Serantes, Ferrol, 1945) achéganos a explicación dun dos personaxes máis senlleiros da historia galega, Fernando Ruis de Castro, no libro co que 'Nós Diario' agasalla este sábado, 30 de decembro, ás persoas lectoras: 'Fernando Ruis de Castro. Estratexia e rebeldía galegas no século XIV', da colección 'Biografías Esenciais do Reino de Galiza'.
Francisco Rodríguez (Foto: Xan Carballa).
photo_camera O ensaísta Francisco Rodríguez. (Foto: Xan Carballa).

—Por que son tan importantes as biografías de personaxes que sitúen a narración máis alá dos feitos históricos ou as análises de época, neste caso a de Fernando Ruis de Castro?
O noso problema é que dá a impresión de sermos un país descabezado, que nunca tivo personaxes que mantivesen unha actuación colectiva e coordinada, cando os hai e son simbolicamente moi activos e importantes. Un dos xeitos de atravesar esa especie de deserto, que ademais ocupa todas as épocas históricas, e cubrir os espazos baleiros é recuperando figuras de homes e mulleres que foron representativas. Esa é a función das biografías. 

Nas culturas normais pártese coa vantaxe de que todo o mundo ten un coñecemento, aínda que sexa tópico, e as biografías revisan, actualizan e mesmo estabelecen relacións co tempo presente. No noso caso, o criterio de realizar biografías do país descabezado é procurar que sexan sintomáticas do poder interno en cada momento, ou das clases dirixentes a prol de que Galiza existise e ao mesmo tempo comprobar o que nos poden dicir a nós, cidadáns do século XXI, esas vidas. Persoas que, ademais, podemos contemplar nas súas dimensións galega, europea e internacional. Saber que forzas estaban en xogo no seu momento, que papel cumpriron, que contribucións fixeron, que intereses contraditorios se debatían no seu período vital. Isto pode e debe facerse en calquera época histórica. Se facemos a biografía de Pedro Froila irrompe toda a estrutura de poder do reino de Galiza, ou con Xelmírez. Pero se vimos ao século XX ou XXI, non é o mesmo facer a perspectiva analítica do que representou Castelao na época da República e da visión do Estado español que tivo que analizalo desvalorizándoo a personaxe rexional, apenas un artista. Iso leva a desprestixio e desconsideración do seu valor. As biografías desta etapa medieval amosan unha realidade conflitiva con dúas estratexias políticas enfrontadas, unha que levaba á dependencia e outra á hexemonía. 

—No comezo do libro arrinca coa reconstrución da liñaxe de Ruis de Castro, para entender mellor o que el supuxo naquel momento e como era o seu poder.
Trátase de lembrar como os Castro reemprazan os Traba, aliándose con eles, a partir de finais do século XII e comezos do XIII. Na Gallaecia romano-sueva, que seguía sendo a referencia dos reis cristiáns, cando se vai partillando en reinos distintos vese ben como a posición da liñaxe dos Castro, con presenza en Castela, foi basculando cara a Galiza. Sempre manteñen unha liña estratéxica clara, con diferentes momentos e tácticas, unha liña galega homoxénea que sorprende nunha casa nobiliaria que acaba integrándose no país radicalmente.

De aí provén o debate de fondo na historiografía oficial entre os que din que proveñen do Rei García, o que lle prestaría unha coherencia total e unha explicación racional á súa traxectoria, e outros que non o aceptan e falan da orixe no príncipe García de Navarra. Toda a historiografía medieval divídese aí. A coherencia explicativa vai a favor da primeira liña, pero é verdade que hai lagoas que deixan dúbidas. En todo caso, o importante é que a partir do século XII é unha liña nobiliaria galega totalmente instaurada en Monforte de Lemos e cun litixio coa 
monarquía española. 

—Fai no libro referencia á “monarquía plurinacional”, denominación que pouco se usa.
Non se usa por motivos ideolóxicos. A nación natural existe, se non, como se explica a división que fai Afonso VII entre Galiza, León e Castela sen haber un espírito protonacional e unhas clases dirixentes que obrigan? O problema da lingua, co abandono do latín, precisa a toma de decisións. Hai que decidir sobre quen manda nesa monarquía e por iso o emperador Afonso VII, por influencia da clase dirixente galega, promove a división. Non é difícil de ver que León é un híbrido, e como tal se comportou politicamente, era unha marca entre Galiza e Castela. 

"O que eu fago é proporcionar un deseño que explica a continuidade histórica dunha causa e inserir os feitos e os personaxes nela"

A palabra nación era de uso habitual na documentación da época, e non coa confusión de nación, pobo soberano e Estado de hoxe. Soberano era o monarca apoiado nunha clase que o sostén. O que se desfai, seguindo o percorrido vital de Fernando Ruis de Castro, é o consenso sobre como repartir o poder. Até o extremo de que o monarca reinante, Pedro I, non lle é funcional á clase dirixente castelán-andaluza e vaise a unha confrontación pura que acaba tendo dimensión peninsular e europea. É unha confrontación cultural e económica, unha auténtica confrontación xeoestratéxica. Na Europa católica, traduciuse en cada lugar de modo diferente, pero na península Ibérica foi a partir de varias discrepancias entre as partes.

A primeira, se aceptar ou non a política de Cruzada fronte ao mundo musulmán, que buscaba a súa a expulsión da península Ibérica e se era posíbel tamén do Norte de África, unha estratexia coa que os poderes galegos non concordaban. A partir das Navas de Tolosa (1212), Castela, co apoio de toda a Europa cristiá e comandados polo Papa, decídese a ir a un enfrontamento do que Galiza non participa. Pedro I non quería a confrontación co mundo musulmán nin acabar co reino de Granada, desexaba a convivencia cos xudeus e non quería fortalecer o poder real pola vía dun castelanismo 
absorbente.

—Fala do movemento que se nuclea arredor de Fernando Ruis como “castrismo”.
É así como se denomina na documentación. Ningunha historiografía se atreve a negalo e tampouco que toda Galiza era castrista. Este concepto non o invento eu, fíxoo García Oro, que precisamente non era de levantar a voz para dicir que Galiza existía. Toda a súa obra de investigación, que é importante, non se atrevía a utilizala nas clases como catedrático de Historia Medieval. E as documentacións que se conservan nas catedrais de Santiago e Lugo avalan a realidade da forza enorme do castrismo que Fernando 
Ruis nucleaba.

Claro que se tes unha idea da minorizar Galiza como rexión de España, poderás desprezar toda esa realidade, pero non consegues explicacións cabais para o que sucedeu. Se o castrismo é un movemento tan menor, como se explican os pactos con Inglaterra? Será porque hai unha política comercial, que os estudos avalan, porque nesa proxección atlántica, Galiza mantivo influencia grande no século XIII, XIV e mesmo despois de perder a monarquía propia. 

—Conta vostede como até se inventa un sepulcro de Fernando Ruis de Castro en Aquitania, cun epitafio de “lealdade a España” tratando de asimilar a súa memoria nas xenealoxías da nobreza como todo o contrario do que fixo, defendeu ou representa.
É a mesma caste de invencións que se aplican na propia Catedral de Santiago. Castelao sempre o explicaba nas datas importantes: hai dous Santiagos, o do Pórtico da Gloria, pacífico, non armado, sen teimas cos profetas do Antigo Testamento, e enfronte está o Santiago a cabalo, o Santiago matamouros, que é un produto creado a partir do século XIV fomentado no cénit do imperio hispánico e a guerra contra os turcos con Felipe II. No caso de Ruis de Castro, que non se sabe para nada onde está soterrado, inventaron unha mitoloxía para asimilar toda esta clase social galega na nobreza de Andalucía.

—O entendemento de todos estes procesos políticos só é posíbel contemplándoos como fenómenos da xeopolítica europea ou de conflitos de poderes dentro da Igrexa?
Temos que facelo se queremos entender que tipo de poder se quería estabelecer, centralizado ou non en Roma, con dogmas moi duros que tiveron o seu cume en Trento. Son procesos longos, que só alcanzan explicación cabal contemplando un período histórico longo. É como se queremos analizar a realidade dos conflitos de hoxe sen ir a 1989 e á caída do Muro ou aos atentados do 11 de setembro de 2001 en Nova York.

Sen o Vaticano, non hai explicación á perda de poder de Galiza, sen a posición de Castela de conformarse como instrumento vaticanista na península Ibérica tampouco. E tamén resultou ser esta a posición de Aragón e, cunha intensidade diferente, a de Portugal, neste caso con contradicións dentro, como o asasinato de Inés de Castro. O conflito estaba en todas as cortes europeas, nas que había controversia con outras posicións pacifistas que non querían ir batallar aliadas con Castela.

—O esforzo de restauración é moi grande…
Este é un pálido reflexo do que houbo. Queda moito por labrar. Se algunha importancia ten o meu traballo é que cando tes unha realidade a estudar e tes moitos fenómenos que se coñecen, o que precisamos é ordenar e darlle un sentido a todos eses fenómenos. Sen parte analítica, temos unha sucesión de feitos e datas que parece que non teñen coherencia nin unidade. O que eu fago é proporcionar un deseño que explica a continuidade histórica dunha causa e inserir os feitos e os personaxes nela. O problema está en que o volume de datos nun período tan amplo é inxente e non podo manexalos, pero a medida que se vaian desvendando, teremos unha idea de que esa batalla por existir foi moito máis dura do que pensamos. Quen crea que xa está todo revelado, equivócase.

Que pode pensarse dun país en que os máximos dirixentes eclesiásticos da Catedral de Santiago saben que un dos seus máximos representantes, Pedro Soares, o que culminou a construción do Pórtico da Gloria, está enterrado no templo pero nin saben onde? Se esa catedral tivese un respecto mínimo da súa continuidade, iso sería un fenómeno imposíbel.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios