'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

A fortaleza de Castroverde, todo un bastión para un señorío

A fortaleza de Castroverde, aínda que mancada polo tempo, conserva a súa altivez desde o século XIV, incólume ás Irmandades. Enriba do castro que foi outrora permanece a súa torre, sinalada co guerreiro que o pobo recoñece como gaiteiro. Castroverde foi bastión dun señorío propiedade dos Castro de Lemos e logo dos Altamira ata o seu decaemento na fin da época moderna.

A torre cabo do muro intervido recentemente en Castroverde (Foto: Martiño Cabana).
photo_camera A torre cabo do muro intervido recentemente en Castroverde (Foto: Martiño Cabana).

A terra de Castroverde, a pouco máis de vinte quilómetros da cidade de Lugo, ten unha paisaxe de transición entre a meseta luguesa e a íngreme do Cádavo e a Fonsagrada. É bastante montañosa sobre todo cara ó norte e ó leste, coas serras do Monciro, do Mirador e da Vacariza e Puñago. Terra gandeira e agraria, donda e suave noutras zonas mais non chá, ten por ríos dominantes o Chamoso e o Tórdea, alimentados por ricos regos e regatos. Boa parte deste territorio poderíase ver desde o pico da torre do castelo, hoxe algo escondida por altas nogueiras e outras árbores que a rodean.

A vista de paxaro ou de dron, desde a cima podemos imaxinar a grande rodeada, verde aínda hoxe, con boas praderías, fragas e vizosos soutos, ós que a contemporaneidade engadiu xa eucaliptos e muíños de vento, numerosos de máis ó noso entender. Nesa paisaxe destacan as coroas de pequenos outeiros irmáns do do castelo, algún deles tamén vello castro, hoxe esgrevias fragas ou soutos coma o da Lomba.

Osos, hienas, bisontes de hai trinta e seis mil anos testemuñan a excepcional terra calcaria da Cova da Valiña, e tamén cabalos e cérvidos. Cabalos segue habendo mais xa non salvaxes, e cérvidos –corzos, ós que chaman cabras– seguen cazando, e tamén xabarís, as xentes destas terras.

Ademais de canteiras de cal e de lousa, no subsolo temos boa pedra granito que en cantería ou cachote traballaron os seus habitantes, ás veces en combinación co xisto, en vivendas, muros e valos, algunhas e algúns moi ben conservados.

O señorío baixomedieval de Castroverde tivo o seu centro na fortaleza dese nome, dentro da parroquia de Santiago de Vilariño, a 607 metros sobre o nivel do mar, nun alto a carón dun barrio que se chama Fortaleza por aquela e doutro chamado a Praza, ambos a zona máis antiga da capitalidade municipal. O señorío foi gobernado polos mesmos señores canda o de Luaces, con territorio no actual concello de Pol, na mirada norte do castelo. Mais cómpre lembrar que a cabeceira do señorío non era a vila máis antiga da contorna: o núcleo principal da freguesía veciña de Bolaño xa nos aparece en documentos altomedievais antes do ascenso de Vilariño.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios