Feijóo admite non ter información sobre a xestión da Fundación Franco sobre Meirás

Na rolda de prensa ordinaria despois do Consello da Xunta, o presidente galego admitiu esta mañá que non ten infomación sobre o encargo da xestión do Pazo de Meirás á Fundación Franco, aínda que asegurou que a Xunta velará porque se cumpra a lei. 
 

Meiras
photo_camera Pazo de Meirás

Alberto Núñez Feijóo recoñeceu diante dos xornalistas que ten "escasa información, por non dicir nula" sobre a decisión da familia Franco de cederlle a xestión das visitas do Pazo de Meirás á Fundación Franco, tal e como saltou á prensa nos últimos días. 

Iso si, afirmou que "todo o que sexa cumprir a lei e os compromisos dun BIC nós imos esixirllo a calquera familia que sexa propietaria", dado que teñen a obriga de abrir o monumento catro días ao mes e levan desde 2008 probando distintas tácticas para evitar a apertura. 

A oposición reclama a devolución e fala de "insulto"

Mentres, tanto En Marea como o BNG amosaron a súa estupefacción diante deste novo xiro que toma a xestión de Meirás. A deputada Ánxeles Cuña afirmou que estamos diante doutra "burla porque é unha entidade franquista e supón unha prolongación do expolio co que foi conseguido o pazo de xeito completamente ilexítimo". Tamén Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea sinalou que Galiza debe recuperar a normalidade democrática mediante a recuperación do "patrimonio do Pazo de Meirás para uso público".

O BNG anunciou que reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada

Sánchez tamén apuntou ao PP afirmando que "protexe os intereses da familia Franco e pediulle que "abandone esta actitude e cumpra coas obrigas democráticas que, entre outras cousas, son a devolución ao público do patrimonio expoliado e facer cumprir as normas da Xunta para o uso público do patrimonio".

Pola banda nacionalista, a súa voceira parlamentaria, Olalla Rodil, considérao un "insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza". O BNG reiterou o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da familia Franco como unha "illa de impunidade", polo que anunciou que reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada. Ademais, insta a Xunta a dirixirse á familia Franco para expresar o seu rexeitamento a que sexa esta entidade a encargada das visitas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios