A familia de Humberto Baena busca "limpar" o seu nome e o doutras vítimas do franquismo

Flor Baena, irmá de Humberto: "Case un ano despois da entrada en vigor da Lei de Memoria, non recibín comunicación algunha para, 48 anos despois, poder limpar o nome do meu irmán dunha vez por todas".
Acto reivindicativo de Amnistía Internacional no cemiterio de Pereiró. (Foto: AI)
photo_camera Acto reivindicativo de Amnistía Internacional no cemiterio de Pereiró. (Foto: AI)

O cemiterio de Pereiró, en Vigo, acolleu esta cuarta feira máis unha homenaxe aos últimos fusilados polo franquismo: Xosé Humberto Baena Alonso, Xosé Luís Sánchez-Bravo Solla, Ramón García Sanz, Ángel Otaegui Etxebarría e Juan Paredes Txiki. Baena e Sánchez-Bravo, ambos os dous vigueses de nacemento, foron executados hai xa 48 anos na última etapa da ditadura franquista, logo de seren sometidos a xuízos inxustos arbitrarios.

A este respecto, Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional Vigo, valorou "positivamente" a Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022 "logo dunha intensa campaña de Amnistía Internacional e organizacións memorialistas". "Con todo", engadiu, "lamentamos que a lei non garanta o acceso á xustiza das vítimas, ao omitir medidas que eliminen os obstáculos á investigación xudicial dos crimes de dereito internacional cometidos en España no pasado".

Na mesma liña, nunha carta dirixida esta cuarta feira á Dirección Xeral de Memoria Democrática do Ministerio de Presidencia, Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, lembra que o artigo 5 da Lei de Memoria Democrática estabelece a declaración de nulidade das sentenzas ditadas no marco de procedementos inxustos durante a Guerra Civil.

Tendo en conta isto, Flor Baena pregunta que medidas vai adoptar o Goberno para que esa nulidade sexa efectiva no caso do seu irmán e as demais vítimas de xuízos inxustos. "Case un ano despois da entrada en vigor desta Lei, non recibín comunicación algunha [...] para, 48 anos despois, poder limpar o nome do meu irmán dunha vez por todas", denuncia na misiva.

Cambio de criterio da Fiscalía: xulgaranse os crimes do franquismo?

46 anos despois da aprobación dunha Lei de amnistía (1977) que impediu investigar crimes cometidos durante a ditadura franquista, a Fiscalía de Barcelona deu a pasada semana un xiro ao guión que podería sentar precedente apoiando a admisión a trámite dunha querela polas torturas a un sindicalista en sede policial. Trátase de Carles Vallejo, detido e torturado na comisaría barcelonesa de Vía Laietana en 1970.

A citada Lei de Memoria impón ao Estado o "deber de investigar as violacións do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario ocorridas durante a guerra civil e a ditadura franquista" e a obriga de "garantir non só o dereito á xustiza, senón tamén o dereito á verdade e á reparación das vítimas". Nese precepto escúdase a Fiscalía para admitir a trámite a querela interposta por unha decena de entidades memorialistas por crimes contra a humanidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios