VÍDEO NO INTERIOR

Destrúen a marteladas o escudo franquista da rúa Michelena de Pontevedra

Unha persoa subiu por unhas estadas até onde está o escudo para bater nel cun martelo.

esdcudo fraqnuista
photo_camera Escudo situado na rúa Michelena, após ser atacado (Foto: Nós Diario)

Sobre as 00 horas da noite da segunda a terza feira, do 20 a 21 de novembro, unha persoa subiu por uns andamios no número 23 da rúa Michelena de Pontevedra para, ao chegar até o escudo franquista que hai nesa altura, bater nel con insistencia cun martelo. Neste edificio situouse a antiga sede da Delegación do Ministerio de Información e Turismo, por iso tiña o antigo escudo franquista.

O 20 de novembro é unha data na que a extrema dereita conmemora o aniversario do falecemento de Francisco Franco e José Antonio Primo de Rivera. Ao tempo, colectivos antifascistas aproveitan a data para realizaren diversas accións de denuncia do fascismo. 

A simboloxía fraqnuista continúa presente en diferentes concellos da Galiza. O sociólogo e activista pola memoria Manuel Monge presentaba en setembro no rexistro da Subdelegación do Goberno español da Coruña un escrito no cal solicita a retirada de até 124 símbolos franquistas situados en concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Segundo informou, o documento elaborouno "como sociólogo e vítima do franquismo" e vai dirixido ao catálogo de elementos contrario á memoria democrática que está a preparar o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.

O proxecto Debería Desaparecer, posto en marcha pola Fundación Jesús Pereda, identificou e visualizou até o de agora ao redor de 5.600 símbolos franquistas que perviven no conxunto do Estado español, situando centos deles na Galiza.

A través da propia web do proxecto pódese informar da localización doutros símbolos franquistas non incluídos na súa base de datos. No que respecta á Galiza, a web recolle medio cento de vestixios, repartidos por diferentes comarcas do país. Figuran desde o edificio de Aduanas en Vigo, dependente do Ministerio de Facenda, e que loce un escudo franquista na súa fachada, até lápidas honrosas aos "caídos" do bando franquista en igrexas de diferentes localidades, como a de Bueu, no Morrazo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios