Defensa do Común mobilizarase na Coruña para exixir a devolución da Casa Cornide

A asociación exixiu ás administracións que aceleren os trámites para recuperar o inmóbel.
Concentración fronte á Casa Cornide en 2017. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración fronte á Casa Cornide en 2017. (Foto: Europa Press)

O colectivo Defensa do Común ten previsto realizar unha marcha para reclamar na Coruña a recuperación da Casa Cornide, propiedade da familia do ditador Francisco Franco.

O vindeiro 26 de setembro está convocada unha reunión con representantes do tecido asociativo da cidade herculina para acordar a data na que se celebrará esta mobilización, que terá un carácter "lúdico e reivindicativo".

Así o manifestaron o presidente de Defensa do Común, Manuel Monge, e o responsábel de comunicación deste colectivo, Ricardo Vales. Fixérono nunha rolda de prensa convocada con motivo de que a familia Franco volvese pór á venda a Casa Cornide, sobre a que o Concello coruñés anunciou a presentación dunha demanda para a súa recuperación ao patrimonio público.

"Queremos conseguir unanimidade para pedir a súa devolución. O método Meirás vai servirnos para conseguilo; con consenso social e mobilización cívica", explicou Monge. O presidente lembrou que a recuperación do Pazo de Meirás "foi unha batalla de 40 anos". "Os Franco volven á carga e nós volvemos á actividade total para frear esta nova ofensiva", engadiu.

A marcha prevista será a terceira que realiza o colectivo co obxectivo de que este edificio histórico volva  “á propiedade que lle corresponde, o Concello da Coruña" cunha utilidade "de tipo cultural ou social".

Críticas as administracións

Os representantes de Defensa do Común pediron ademais celeridade ás administracións públicas. Reprocharon ao Concello da Coruña o "incumprimento das mocións" e instaron o Consistorio para presentar a demanda para a recuperación deste inmóbel ao patrimonio público.

"Aprobaron numerosísimas mocións pedindo a devolución da Casa Cornide, a primeira en 2017", destacou Monge engadindo que "a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados tamén aprobou mocións en 2021" con este obxectivo.

Así mesmo, urxiron á Xunta para que acelere os trámites para declarala Ben de Interese Cultural (BIC), que "non cambia a propiedade pero estabelece unha serie de medidas de protección". "A Xunta, así como o Concello da Coruña, parece que non teñen présa", concluíu Monge.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios