Conde Corbal protagoniza en Pontevedra as Xornadas Arte e Memoria

Segundo a responsábel de Memoria da Deputación de Pontevedra, María Ortega, espallar a obra e pensamento de Conde Corbal era “unha obriga” e “un desexo”.
Ana Corbal, María Ortega e Antón Mascato, nas xornadas de arte e memoria dedicadas a Conde Corbal. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Ana Corbal, María Ortega e Antón Mascato, nas xornadas de arte e memoria dedicadas a Conde Corbal. (Foto: Deputación de Pontevedra)

“Pontevedra e Galiza manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar”. Así o manifestou esta sexta feira a deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, na apertura das Xornadas Arte e Memoria dedicadas ao artista pontevedrés, nas que o departamento provincial presentou o libro O fardel de guerra de Conde Corbal, unha edición de luxo cos seus gravados e textos de acompañamento, e abriu a exposición coas láminas máis senlleiras do Fardel da guerra no Pazo Provincial ao abeiro do centenario do seu nacemento.

Segundo a responsábel de Memoria da Deputación, espallar a obra e pensamento de Conde Corbal era “unha obriga” e “un desexo”. Un desexo, dixo, pola súa capacidade de rexistrar e denunciar nas súas obras con “beleza” e “forza” a memoria histórica. A “obriga” chega –dixo a nacionalista- porque o traballo realizado por Conde Corbal entre os anos 70 e 80 nas láminas de guerra apenas tivo acollemento na sociedade pontevedresa e “é necesario reivindicalo”.

A familia de Conde Corbal, a través de Ana Corbal (filla do autor), tamén aproveitou para reivindicar a figura do artista. Sacando peito, agradeceu o recoñecemento que se está a facer estes días, mais pediu que non quede só na celebración do centenario.

A filla de Corbal homenaxeou á súa nai, Margarita Escuredo, de quen dixo debería ser a que participase no acto institucional, pero sinalou que “ten cen anos, e hai emocións que pesan demasiado”. “Gustaríame agradecerlle o decidir pertencer a esa exigua minoría de mulleres que ían por diante”, subliñou.

O autor con máis exposicións no Museo de Pontevedra tras Castelao

Logo da apertura das Xornadas tomaron parte o investigador e coordinador do libro editado pola Deputación en homenaxe a Conde Corbal, Antón Mascato, e a historiadora Aloia Ínsua, en representación das persoas escritoras que realizaron os textos que acompañan as láminas na publicación provincial. Mascato destacou o compromiso de Corbal coas persoas do seu país e a cultura, ás que teimou en partillar a súa obra con exposicións en todo tipo de lugares.

Precisamente, Antón Mascato é o autor da reportaxe que protagoniza o Sermos Galiza que acompaña Nós Diario este sábado, 22 de abril, baixo o título Conde Corbal: O fardel da memoria.

Continuou nas conferencias o profesor e investigador Antón Castro, quen fixo un percorrido pola obra de gravados estampados “en negro” de Conde Corbal, salientando dous aspectos: que inventou un sistema de abaratamento da obra de arte para chegar á xente do común, e que o seu obxectivo era facer pedagoxía coas súas creacións, amosando e explicando o seu país.

A seguir foi a quenda dunha das investigadoras e integrantes do Consello de Dirección do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, quen falou da “estreitísima” relación que o autor tiña coa institución provincial. Segundo explicou Tilve, Conde Corbal é o segundo autor, despois de Castelao, que realizou máis exposicións no Museo de Pontevedra: once de tipo persoal e moi variado contido, e outras dúas mostras colectivas.

A xornada rematou coa proxección do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, e a intervención do director Xavier Villaverde (gañador dun Mestre Mateo este ano).

Axenda do sábado

A Xornada Arte e Memoria continuará este sábado, 22 de abril, presentada pola filóloga e xestora cultural Cruz López, na que se falará de maneira xenérica de como a arte é vehículo para a transmisión da memoria. A historiadora Rosario Sarmiento falará da arte comprometida feita dende o exilio, o historiador Carlos Bernárdez das creacións e denuncias feitas durante a ditadura na Galiza, e posteriormente a actriz Belén Constenla, o cineasta Miguel Anxo Fernández, a profesora de literatura Patricia Arias, e o autor de BD Kiko da Silva, farán unha perspectiva do tratamento da memoria dende as súas disciplinas. O punto final chegará coa dramatización dun texto arredor de María Casares.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios