Sermos Galiza

Conde Corbal, no seu centenario, protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Neste novo número do semanario analízase tamén a literatura galega e hai realízase unha entrevista a Aurelia Balseiro.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario)

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a reportaxe sobre Conde Corbal feita por Antón Mascato que trata a memoria gráfica no centenario do artista.

Mascato salienta na reportaxe que “No Centenario do artista Xosé Conde Corbal, Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra dedícalle as “Xornadas Arte e Memoria”. Alén das palestras ficará a edición do seu traballo O fardel da Memoria de Conde Corbal que se publica con noventa textos de autorías diferentes para contextualizar as imaxes; xunto cunha exposición antolóxica”.

Aurelia Balseiro

Continúa este número do Sermos, cunha entrevista a cargo de Antón Escuredo que conversa con Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo.

“A maior parte das veces coñecemos o pasado a través dos museos, mais non sabemos nada do pasado destes. A vitalidade, ou non, destas institucións está determinada por factores moi diversos que escapan ao noso coñecemento”, indícase na entrevista.

Previamente, na páxina de apertura, o escritor Elena Ferro, ofrece unha reflexión titulada ‘A nosa saúde’.

Literartura galega

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Montse González e titúlase ‘Literatura galega. Dez libros para unha década’.

González explica que “Sermos Galiza convidou, para conmemorar o Día do Libro, seis voces referentes da crítica literaria galega para que escollesen dez das mellores obras publicadas nos últimos dez anos”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Azucre de Bibiana Candia, un libro que segundo Xesteira, “propón unha viaxe inesquecíbel desde a Galiza de 1853 até Cuba, un camiño que percorreron mil setecentos mozos galegos”.

No caso de López Foxo, analiza Crónica de nós, unha obra da autoría de Méndez Ferrín. “Cada texto de Ferrín é un edificio literario perfecto, redondo e fermoso como unha hortensia” salienta Foxo.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Cantos Caucanos (Homenaxe a Avilés De Taramancos) de Rodrigo Romaní. Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘Contos Diatónicos’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Novembro, unha obra de Cédric Jiménez. “Salvo un par de escenas máis ou menos dramáticas, apenas hai pausa en Novembro. Vai saltando de localización en localización sen aparente orde nin concerto”, indica Castro.

Ramsés Pérez escribe na sección Ir ás Aves un artigo titulado ‘A chegada’. “Cando as aves cheguen alimentaranse para recuperaren forzas e así coller folgos para iniciaren a súa tarefa fundamental: dar continuidade á vida”.

Pola súa parte, Carlos L. Bernárdez analiza na sección de Arte a mostra ‘Arquitecturas’ de Núria Lago. “Partindo dunha videocreación fortemente autorreflexiva, atinxe a plenitude na obra pictórica que crea unha espacialidade envolvente”, manifesta Bernárdez.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios