Pedirán a declaración de Lugar de Memoria para a Poza das Ras en Celanova

O 29 de agosto de 1936 foron asasinados por elementos sublevados contra a República os mestres Julio González e Amadeo López, o chofer Silvio Torres e o farmacéutico Eloy Romero, e expostos publicamente os seus cadáveres.
A poza das Ras, na actualidade
photo_camera A poza das Ras, na actualidade

O 29 de agosto de 1936, na Poza das Ras foron tiroteados até a morte, e abandonados alí os seus corpos para espallar o terror entre a veciñanza, Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia); Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea organizan este domingo, xunto coas familias, unha homenaxe a aquelas vítimas. Ademais, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea solicitarán ao Ministerio da Presidencia a declaración, ao abeiro da Lei estatal 20/2022, de 19 de outubro de Memoria Democrática, en particular aos artigos 49 a 53 na Sección 4ª do Título II, como Lugar de Memoria da Poza das Ras, en Verea, o espazo á beira do río Ourille onde o 29 de agosto de 1936 foron asasinados por elementos sublevados contra a República os mestres Julio González e Amadeo López, o chofer Silvio Torres e o farmacéutico Eloy Romero, e expostos publicamente os seus cadáveres.

“El procedimiento de declaración de Lugar de Memoria Democrática podrá incoarse de oficio por la Dirección General competente en materia de memoria democrática, o a instancia de entidades que promuevan y difundan la memoria democrática. En este caso, la solicitud incluirá como mínimo la identificación del bien, así como de los valores materiales, históricos intangibles o simbólicos que justifican su declaración, y en el caso de patrimonio material, su delimitación cartográfica con sus correspondientes coordenadas geográficas”, sinala o artigo 50 da Lei.

 

Mestres e militantes republicanos

En agosto de 1936, na Poza das Ras foron tiroteados até a morte, e abandonados alí os seus corpos para espallar o terror entre a veciñanza, Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro,  (Carballeda de Avia). López Vello era militante do Partido Galeguista e colaborador da revista Nós, un mestre que daba as clases en galego; Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.

“A proclamación da Segunda República permitiu desde o primeiro momento ir tomando medidas encamiñadas á democratización da educación e da cultura, considerándoas asunto de Estado. A Constitución democrática de 1931 estabelecía que o servizo da cultura é atribución esencial do Estado, e prestarao polo sistema de Escola unificada; ensinanza primaria gratuíta e obrigatoria, educación para todos, laica, en réxime de coeducación, activa –fará do traballo o eixo da súa actividade metodolóxica– e inspirada en ideais de solidariedade humana. A Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO) reflectía estes principios resumidos na portada da súa revista mensual, como evidencia de que o Maxisterio de Ourense era un dos piares nos que se asentaba o cambio educativo e social”, escribe o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid en “Proxectos educativos na Segunda República. Educación, República e represión: 75 aniversario da utopía republicana”, faladoiro recollido nas Actas do III Congreso Manuel Luís Acuña, celebrado en 2006 na Pobra de Trives, publicadas no 2008.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios