Buscan na fosa de Ribadeo os restos de dous homes asasinados en 1936

Os golpistas mataron 7 persoas o 23 de xullo do 36.
Traballos de escavación no cemiterio inaugurado en 1932. (Foto: ARMH)
photo_camera Traballos de escavación no cemiterio inaugurado en 1932. (Foto: ARMH)

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciou a busca de dous homes asasinados o 23 xullo de 1936 nunha fosa do cemiterio de Ribadeo, na Mariña. Trátase de Xusto Fernández Suárez e Manuel Antonio Mon Miranda, dúas das sete persoas asasinadas ese día polos golpistas.

Nun comunicado, a ARMH explica que o coñecemento histórico do ocorrido entón foi posíbel grazas ás investigacións sobre a represión na zona de Xosé Miguel Suárez Fernández. Así, o 18 de xullo do 36, tras coñecerse a sublevación do exército, o Goberno municipal organizou a través dun comité de guerra a requisa de armas e vehículos para facer fronte ás forzas sublevadas.

Varios carabineiros do posto de Ribadeo participaron na defensa da localidade ao mando de Ramón Lorenzo Fernández e Antonio Trujillo Rodero, sometidos a consello de guerra e executados en Lugo. Na tarde do día 23, dúas columnas entraron na localidade a tiros.

A altura do antigo cemiterio, hoxe parador de Turismo, fixeron fronte ás tropas Casimiro Pérez Martínez e Ramón Crespo Rodas, mortos por disparos dos asaltantes. Durante o enfrontamento morreron abatidos Rosalía Alonso Lastra, Manuel Tella, Vicente Muíño Tojeiro, Manuel Mon Miranda e Xusto Fernández Suárez; todos enterrados na fosa común do cemiterio de Ribadeo.

Atopadas catro vítimas en Cuelgamuros

Por outra parte, o equipo forense que traballa na identificación de vítimas da Guerra Civil e da represión franquista enterradas na cripta do Val de Cuelgamuros logrou estabelecer a identidade de catro deles, segundo confirmaron fontes ao tanto dos traballos. Trátase de tres homes e unha muller: Valerico Canales, Emilio Caro, Román González e Flora Labajos.

O ministro español de Memoria Democrática, Félix Bolaños, comunicouse esta cuarta feira coas familias para trasladarlles que foran identificadas. O 13 de marzo o Tribunal Supremo español deu luz verde ás exhumacións dos restos das vítimas enterradas no Val de Cuelgamuros ao rexeitar o recurso presentado pola Fundación Francisco Franco.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios