'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Sobroso, en Mondariz, un dos mellores conservados

Nunha maxestosa paisaxe érguese o castelo de Sobroso, fortaleza que visualiza un amplo territorio e domina as vías de comunicación, en tempos medievais e modernos, entre o interior e a “Terra de Turonio”, mais a cidade de Tui e o fronteirizo río Miño. Situado a catro quilómetros de Ponteareas e a sete de Mondariz, constitúe unha das meirandes e mellor conservadas mostras deste tipo de arquitectura do sur de Galicia e do conxunto galego en xeral. Foi declarado Monumento Nacional en 1949 e Ben de Interese Cultural en 2013. En 1981 adquiriuno o concello de Ponteareas e foi sometido a restauración, namentres que no 2014 sería cedido á Deputación de Pontevedra para a súa musealización.
Sobroso ocúltase detrás dunha frondosa vexetación. (Foto: Mateo Fontán)
photo_camera Sobroso ocúltase detrás dunha frondosa vexetación. (Foto: Mateo Fontán)

Catro lugares de poboación unificados entre si (A Pena, O Cruceiro, Saniñáns e Veigadraga) integráronse oficialmente como Entidade Local Menor, organismo de ámbito territorial máis pequeno que o municipio, formando a parroquia de San Martiño de Vilasobroso (territorio antes coñecido co nome de San Martiño da Portela). Tal recoñecemento chegaría por acordo plenario alcanzado o 13 de setembro de 1924. O territorio de Vilasobroso ten unha extensión de 5,18 quilómetros cadrados e unha poboación de menos de cincocentos habitantes. O río principal é o Xabriña, afluente do Tea, na Idade Media coñecido por “Tena”, que desemboca en Salvaterra de Miño.

O monte Landín representa o cumio máis elevado de Vilasobroso. A 334 metros de altura con respecto do nivel do mar e nun promontorio rochoso na media ladeira orientada ao leste, xorde o castelo de Sobroso. Rodéano unha serie de montes e altos, mais é esta fortaleza a que aseñorou durante longo tempo a actual comarca do Condado-Paradanta, gañándose dende o século XV a coñecida denominación de “chave forte do Reino de Galicia”.

O nome de Sobroso deriva do latín e fai referencia á abundante presenza de sobreiras (Quercus suber) que existían na súa contorna. Actualmente o castelo é indisociable á fabulosa paisaxe na que se ve envolto, ofrecendo sete sendas para gozar da flora e da fauna do lugar. Nun traballo de 2008 realizado por Rosa Covelo sobre as árbores e arbustos do castelo contabilizaba 84 especies diferentes, incluíndo ximnospermas, anxiospermas e palmeiras.

O emblema tradicional de Vilasobroso é un escudo partido. 1º: de goles, un castelo de ouro (en clara alusión á fortificación); 2: de azur, unha sobreira ao natural. Ao pé destes dous mobles aparece un filacterio en ouro coa lenda, de esquerda a dereita, en latín LABOR ET GLORIA. Na base exterior lemos o nome de Vilasobroso. O conxunto está timbrado por unha coroa mural.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios