'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Pambre, maxestoso malia o seu abandono

O castelo de Pambre é un dos máis coñecidos e admirados do noso país. Maxestoso malia o seu abandono durante tantos anos, fito na paisaxe, reloce por fin visitable. Predio principal da poderosa liñaxe dos Ulloa, o seu testemuño serve de base para o modelo ideal de castelo do baixo medievo no magnífico debuxo de Martiño Picallo co que se iniciou este coleccionable.
Vista do castelo desde o outro lado do río en fotografía de Ksado nunha publicación non identificada. [Foto: Arquivo de Alexandra Cabana Outeiro]
photo_camera Vista do castelo desde o outro lado do río en fotografía de Ksado nunha publicación non identificada. [Foto: Arquivo de Alexandra Cabana Outeiro]

A Ulloa é a terra do noso castelo, que dá nome tamén á estirpe nobiliaria de quen o construíu e posuíu canda as terras do arredor. Comarca de grande resaibo histórico, está conformada polos actuais concellos de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei, ó que pertence o castelo. A Ulloa réxese polo río que lle dá nome, ó que van dar outros de distinta importancia, destacando entre estes o Pambre; porén unha pequena parte da demarcación actual, contra o leste, verte augas ó Ferreira, afluente do Miño.

Cunha extensión de máis de 400 quilómetros cadrados, a Ulloa ten un aspecto bastante unitario, con amplas zonas de chairas elevadas, vales e aliñamentos montañosos non moi altos pero si con volumes significativos ó seu arredor, que non superan os 900 metros: a serra do Careón contra Melide e a do Farelo contra A Golada e Rodeiro é onde atopamos as cotas máis altas. O que máis vemos son vales, dondos outeiros e vagantas, mais no relevo son poderosos algúns afloramentos rochosos e o encaixamento dos ríos, evidente ós pés do castelo no propio Pambre e un pouco máis abaixo cando lle cede as súas augas ó Ulla, río que forma as torrentes do Mácara.

A paisaxe amosa a pegada humana desde vello. Prados, pequenas fragas, bosques de ribeira e monte baixo, tamén de aproveitamento gandeiro, lévannos a semellanzas coa terra de outrora, á que lle teriamos que engadir terras de labradío, moi escasas hoxe e intensas en tempos, para reproducir o seu aspecto no medievo ou na época moderna. Os piñeirais e os xa abondosísimos e masivos eucaliptais desdebuxan a configuración paisaxística doutro tempo, da que inda nos quedan mostras fotográficas nalgún retrato do castelo, hoxe impensables pola reforestación masiva da contorna.

A ocupación do espazo está testemuñada arqueoloxicamente desde moi antigo, sendo moi significativa no tempo do megalitismo, como tamén semella corroborar a toponimia (antas, mámoa, mouros... forman parte de nomes de lugares da comarca). Gravados rupestres e machados de bronce achegan unha continuidade no tempo, e castros na comarca hai moitos, en boa medida situados na contorna dos ríos: brazaletes de prata, pezas de cintos, fíbulas... son algúns obxectos recuperados daquel tempo, malia non haber prospeccións nin escavacións sistemáticas.

Moitos destes castros seguiron ocupados en época romana, aparecendo tamén daquela outro tipo de asentamento como villae agrícolas e mansiones viarias, canda o trazado de camiños como a vía XIX que pasaba pola comarca no seu percorrido de Astorga a Braga, de Iria a Lugo. Miliarios e aras romanas testemuñan tamén aquela presenza do Imperio, e parte da vella vía XIX será convertida no camiño a Compostela que tanta riqueza trouxo a estas terras no medievo.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios