'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Nogueirosa, erguido polos Andrade en Pontedeume

Admirablemente localizado nunha rocha cortada a pico, áchase en bastante bo estado, aínda que en ruínas. Domina todo o val do Eume e a comarca de Pontedeume, a ría de Ares e o areal de Cabanas. Érguese sobre unha antiga fortificación do século XII ou XIII. O castelo, tal e como o coñecemos, data do século XIV e foi feito por orde de Fernán Pérez de Andrade “O Boo”.
Vista xeral do castelo de Nogueirosa. (Foto: Héitor Picallo)
photo_camera Vista xeral do castelo de Nogueirosa. (Foto: Héitor Picallo)

Cómpre sinalar que este castelo non é o primitivo castelo dos Andrade. Este primeiro, que xa non existe, radicaba na parroquia de San Martiño de Andrade, limítrofe coa de San Cosme de Nogueirosa. De feito, en 1382, o prior e cóengos da Colexiata de Caaveiro nomean a Pedro Fernández de Andrade como encomendeiro do couto e mosteiro, xustificando que dita encomenda sempre estivo ligada aos señores do castelo de Andrade, de quen o nomeado Pedro descendía. Este actual que nos ocupa, xa que logo, é distinto daquel primeiro.

A súa construción data de principios de 1369 e documéntase que en 1377 estaba xa rematado. A diferenza doutros castelos propiedade de Fernán Pérez de Andrade este de Nogueirosa foi construído ex novo, o que ocasionou unha denuncia e o seu respectivo preito por parte dos monxes de Sobrado, porque o castelo se edificara nos terreos da Graña ou Granxa de Nogueirosa que era propiedade daquel cenobio. Debido a que o de Andrade fai oídos xordos ás sentenzas dos xuíces, o prior de Sobrado renunciará a recobrar o lugar en troques dunha renda simbólica. O abandono da fortaleza como tal veu propiciado polo remate das guerras feudais e o aumento do poder da Coroa, o que propiciou que de fortaleza militar o castelo servira mellor como residencia do señor.

Fernán Pérez semellaba ser moi consciente da súa condición de creador dun señorío e proxenitor dunha liñaxe. Todo un amplo programa construtor pasou pola súa cabeza e foino facendo realidade. Castelos, pontes, hospitais, mosteiros, conventos, capelas, igrexas… para rematar cun impresionante mausoleo que testemuñara na posteridade o seu estilo de fidalguía. Consciente tamén das esixencias do seu amplo e variado territorio organiza as parcelas do seu señorío para a súa administración e defensa. Nacen deste xeito as casas fortes e os castelos de Andrade: este da pena Leboreira, o de Moeche, Naraío e Vilalba.

A vila de Pontedeume, desde a súa fundación en 1270, era de goberno real até que en decembro de 1371, Henrique II dóalle a Fernán Pérez os territorios de Pontedeume e Ferrol, concesión ampliada en 1373 co territorio de Vilalba. Como cabaleiro e señor desa xeografía, a Fernán Pérez de Andrade cumpríalle erguer castelos como símbolo do seu poder e refuxio defensivo, cunha gornición e un alcaide ao mando. Convertíase así nun símbolo feudal, lugar desde o que se defendía un territorio e mesmo se amedrentaba as xentes da comarca se non cumprían cos mandatos do señor, como participar na mesnada, pagar tributos e outras prestacións. Tamén era o lugar onde se podían refuxiar os habitantes das zonas lindeiras, no caso de invasión.

Na época do que nos ocupa, xa cesaran tanto as incursións normandas como as musulmás porén, eran frecuentes as disputas entre señores e mesmo guerras civís. A partir do século XIV os centros económicos desprázanse do campo ás vilas o que leva os nobres cabaleiros a construír pazos para desenvolver a súa nova función de administradores dos territorios no nome da Coroa, por iso Fernán Pérez tivo casa e pazo en Betanzos, na Coruña –onde desenvolvía tarefas de Alcalde Maior– e constrúe un pazo familiar en Pontedeume.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios