'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Naraío, a fortaleza roqueira máis espectacular do norte

Construído sobre un penedo rochoso na freguesía de Naraío, no concello de San Sadurniño, é a fortaleza roqueira máis espectacular do norte da Galiza. As súas ruínas fálannos dunha historia moi vinculada á Casa de Andrade, mais tamén dun tempo de guerra, traizóns e revoltas, que aínda hoxe cativan todo visitante que até 
el se achega.
Vista aérea de Naraío na que se percibe a porta de acceso á torre da homenaxe. (Foto: David Vide López)
photo_camera Vista aérea de Naraío na que se percibe a porta de acceso á torre da homenaxe. (Foto: David Vide López)

Ergueito aos pés dos Montes do Forgoselo, no concello de San Sadurniño, a fortaleza de Naraío representa un dos castelos rocheiros máis espectaculares de toda a Galiza e é, sen lugar a dúbidas, a xoia patrimonial da freguesía que leva o seu propio nome. A súa fascinante situación arredor dun rochedo granítico, confire gran maxestosidade e encanto ás súas ruínas, elevadas nun horizonte verde de fragas vizosas que semella ter o seu leito nas augas cristalinas, hoxe dominadas, do encoro do río Castro. A este incomparábel marco paisaxístico e xeográfico, situado a escasos 10 quilómetros da ría de Ferrol, únese un patrimonio inmaterial cheo de lendas, memorias e relatos pseudo-históricos, moitos dos cales teñen o castelo por epicentro.

Con certeza estes e outros aspectos foron os responsábeis de que ao longo da historia numerosos estudosos deitaran a súa atención neste inexpugnábel castelo. Entre eles, cómpre destacarmos figuras da talla de frei Filipe da Gándara e Ulloa ou o técnico catalán, Andrés Avelino Comerma i Batalla (1842-1917). Este último, militar e enxeñeiro asentado na cidade de Ferrol, foi autor de Los castillos feudales de Moeche, Narahío y Andrade (1903), a primeira obra que analizou en detalle esta emblemática fortaleza e cuxos planos aínda son hoxe vitais para reconstruír o pasado deste edificio.

Con todo, é posíbel que boa parte das causas que motivaron esa atracción na intelectualidade do país fose precisamente o papel que Naraío xogou en dous dos episodios máis transcendentais á hora de entender o devir histórico do reino medieval da Galiza: a guerra entre os petristas –liderados polos Castro– e os Trastámara (1369-1388) e a coñecida como Gran Guerra Irmandiña (1467-1469).

Símbolo do poder nobiliario nas terras do Trasancos medieval, o castelo foi obxecto de sucesivas intervencións arqueolóxicas desenvolvidas desde 2007. Após estas, hoxe podemos afirmar que a orixe do castelo afonda as súas raíces varios séculos antes do tradicionalmente considerado, situándose a súa construción arredor do século XII, vinculada, moi posibelmente, ao señorío que exercía a Casa de Trava nesas terras do norte.

No entanto, non hai dúbida de que a memoria de Naraío ficaría atada a outra gran casa nobiliaria galega: a de Andrade, a mesma que ostentaba un inmenso poder no triángulo que conforman as antigas vilas de Betanzos, Vilalba e Ferrol, tendo por núcleo principal a vila de Pontedeume, na antiga comarca de Pruzos. Unha xurisdición -a de Naraío- que era unha peza indispensábel e da que dá boa conta a construción de factura gótica coñecida como a “Ponte da Ferraría”, próxima ao castelo e na que aínda se aprecia, malia a erosión, a estatua dun xabaril, símbolo de poderío e valentía na Galiza medieval, e auténtico animal totémico da Casa de Andrade.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios