'30 CASTELOS PARA DESCUBRIR UN REINO'

Castelo de Monterreal, símbolo do esplendor de Baiona

Monterreal é un fito sinalado na paisaxe costeira atlántica, sendo os seus muros un compendio da nosa historia. Esta fala dunha localización estratéxica para a defensa da costa e o pobo une o seu pasado a heroes e cabaleiros irredentos como Viriato ou Pedro Álvarez de Soutomaior. Desde 1963, é o Parador de Turismo Conde de Gondomar.

O castelo de Monterreal (Foto: Héitor Picallo).
photo_camera O castelo de Monterreal (Foto: Héitor Picallo).

A antiga Baiona acomodábase no promontorio do Monte Boi, nome alusivo aos animais que alí pacían aínda que podería relacionarse tamén co mítico pobo dos boiis ou boyos.

É unha localización estratéxica na entrada da ría de Vigo e asómase ao Atlántico para controlar a navegación de paso. Cara ao leste, a fortificación ten control visual sobre a vila de Baiona e todo o arco costeiro desde Monte Ferro e a ponte da Ramallosa até a Cabo Silleiro.

Monte Boi é lugar de ocupación antiquísima: un conxunto de máis de 60 cazoletas labradas na rocha, os restos de cerámicas e outros materiais datados nos tempos da cultura castrexa e nos da romanidade testemuñan a súa relevancia antiga. Os eruditos colocan nas súas inmediacións o campamento base de Xulio César no seu asalto ás Illas Cíes nas operacións militares para someter o pobo dos Herminios; mesmo hai quen di que os seus muros coñeceron a Viriato, que tería asaltado a poboación nun épico desembarco nocturno.

Con todo, a primeira noticia fiable é de decembro de 1337, cando o rei Afonso “O Xusticeiro” autoriza o concello de Baiona a construír unha torre no lugar do Monte Boi e cercar a vila pola parte da ribeira. Era obra ben necesaria ao ter sufrido toda a zona diversas incursións desde o mar.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios