BNG propón unha lei galega de memoria histórica

Unha iniciativa para o Goberno galego desenvolver unha "política pública sobre a memoria histórica" visando a reparación das vítimas da ditadura. Iso é o que apresentou esta cuarta feira Luís Bará, parlamentar do BNG.

Rolda de prensa Memoria Histórica
photo_camera Luís Bará

A meio desta iniciativa, o BNG propón crear unha Comisión da Verdade, instituír un Arquivo da Memoria Histórica da Galiza e declarar a Illa de San Simón como a "Illa da Memoria".

A Lei Galega debería, afirmou Luís Bará, mellorar a lei española de 2007 (goberno Zapatero), texto legal que considerou "insuficiente". Nese sentido, o parlamentar nacionalista demanda que se dea tratamento de vítimas a todas aquelas que o foron durante o período 1936-1977 e non exclusivamente durante a guerra ou post-guerra.

Bará -un experto na materia que desde hai anos ten aberto un blogue dedicado monograficamente a resgatar a memoria, Non Des a Esquecemento- demanda que a Xunta recupere o proxecto interuniversitario Nomes e Voces, impulsado durante o bipartito e, dixo,"desmantelado" por Feijóo á súa chegada á Xunta.

Nomes e Voces, explicou, recolle dados de arredor de 6.000 persoas que foron vítimas da violencia fascista, represalidas e fusiladas, durante o período 1936-1939, cifra que cumpriría elevar se termos en conta as agresións inflixidas especificamente ás mulleres en forma de violacións e torturas.

Os fondos de Nomes e Voces áchanse gardados nun armacén en Compostela sen que, denunciou, as investigadoras podan acceder a eles. Deberían, defendeu, ser o embrión do futuro do Arquivo da Memoria Histórica da Galiza.

O BNG pide aínda a derrogación da Lei de Aministía de 1977 (que frecuentemente se pon como pretexto para non investigar os crimes contra a humanidade da ditadura), que se tipifique como delito a exaltación do franquismo e a ilegalización da Fundación Francisco Franco cuxa soa existencia reputou como "intolerábel".

Bará agarda que o PP teña "valentía" para "soltar amarras cun pasado incómodo y doloroso" e, dese xeito, apoie no Hórreo a aprobación desta iniciativa do BNG.

  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios