Aurea, a meniña gaiteira; por Xoán Costa

costa

Se hoxe perguntarmos polo nome dunha gaiteira posibelmente toda a xente nos daría dous, tres ou máis referencias. Ora ben, cen anos atrás ser gaiteira era unha novidade por mais que non debamos desbotar que a meniña gaiteira dos Cantares Gallegos para alén da ficción literaria puidese ter algunha referencia real.

María Aurea Rodríguez Rodríguez pode ser considerada a primeira entre as intérpretes da gaita, polo menos a primeira documentada. Naceu en 1897 e sendo meniña, con dez anos, comezou a tocar a gaita. Liderou o grupo Os Maravillas de Cartelle, formado por ela e os seus irmáns e que gozou de enorme éxito. Por volta de 1930 emigrou a Arxentina. En 1945 actuou en Venezuela e a partir de aí pouco sabemos. Nen cando morreu.

Aurea seguramente faría boa feira coa meniña gaiteira de Rosalía. Até poderían servir para ela estas palabras de Luisa Villalta sobre a protagonista dos Cantares: “a meniña gaiteira, protagonista do marco poético no que se desenvolven todos os cantares do libro, sería algo así como a encarnación do espírito positivo da Galiza e unha versión ao popular da propia autora que se quere manifestar através desta personaxe como integrante do povo que canta”

(Este texto foi publicado no número 270 de Sermos Galiza, o dous de novembro de 2017)

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios