venres 05.06.2020

Atopan o seu familiar represaliado 93 anos despois

A ARDF localiza os herdeiros de Edmundo Peinado, asasinado en 1936
Foxa común cos restos de oito represaliados en Guitiriz. (Foto: ARDF)
Foxa común cos restos de oito represaliados en Guitiriz. (Foto: ARDF)

A Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) localizou os familiares de Edmundo Peinado Ponte, exhumado en xullo do pasado ano 2019 en Santa Mariña de Lagostelle, Guitiriz.

Por aquel entón, na foxa común na que traballaba a entidade memorialística apareceron os restos mortais de oito persoas asasinadas polos fascistas en diferentes días e meses de 1936, tendo como "posíbeis recuperados" a Edmundo Peinado Ponte, Ángel Rilo Raposo, Antonio González Costa, Luís Palleiro Freire, un quinto de nome Fermín e tres descoñecidos máis.

 Durante os traballos de exhumación apareceron entre os restos óseos das extremidades inferiores dos represaliados, tres botellas de vidro, mais debido a traballos de arranxos da igrexa e do atrio do cemiterio, escavouse xusto encima da foxa común, fracturando ósos e, ao mesmo tempo, as botellas polo seu pescozo.

No interior deses vidros apareceu unha nota co nome e apelidos dunha persoa: Edmundo Peiteado Ponte.

As especialistas Ángela Piñeiro Acción e Santiago Carcas Cuartero foron as encargadas de levar a cabo o procedemento técnico, que derivaría nunha investigación por parte da ARDF para localizar, en caso de existir, ás posíbeis familiares da persoa localizada na foxa.

Desde a Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo sinalan que as pescudas "comezaron na Coruña, nunha rúa que hoxe non existe", aínda que axiña localizaron unha esquela "anunciando o falecemento da viúva de Luis Peinado Ponte, o seu irmán".

Grazas a internet conseguiron contactar cunha das súas fillas, María, posíbel sobriña directa do asasinado Edmundo Peinado Ponte, que lles facilitou o contacto da súa irmá, Pilar. Ambas "facilitaron a investigación, dando os permisos e permitindo a publicación dos seus nomes". 

A clave foron uns libros nos que, coa colaboración do párroco da igrexa de San Nicolás, na Coruña, localizaron "primeiro a Edmundo e logo os seus país e irmáns, así até completar todos os datos persoais da familia entre 1901 e 1928".

"Pero -proseguen-  seguíanos faltando Luís, o irmán, que non aparecera até ese momento, e sabiamos que debía atoparse nun período de tempo moi posterior, polo falecemento da súa muller, María Brándariz, o 10 de xaneiro de 2014 aos 80 anos".

Finalmente, logo de ampliar o abano de datas na pescuda de Luís, localizaron a partida de nacemento de Luís Peinado Ponte e cadraron o círculo que unía a Edmundo, o exhumado, con María e Pilar.

A ARDF anuncia que esta historia será compilada proximamente nun volume xunto con historias doutros exhumados.

comentarios