Seis intelectuais reflexionarán sobre 1917

A asociación Alexandre Bóveda chama a repensar a Revolución Rusa

O principal acontecemento sociopolítico do século XX non é un expediente pechado. O levantamento bolxevique contra o zarismo aínda constitúe obxecto de estudo, debate e polémica. De esperanza e depósito de aprendizaxes. A agrupación cultural Alexandre Bóveda vén de convocar seis intelectuais a, en semanas sucesivas a partir da vindeira segunda feira 9 de outubro, "repensar a revolución, 1917-2017".
 

Revolución Rusa
photo_camera Imaxe da Revolución Rusa. Foto: cedida.

A escritora Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) será a encargada de abrir o ciclo de conferencias. Autora da novela Ostrácia (2015), en que trata a figura da dirixente bolxevique Inessa Armand, e coordinadora do libro colectivo de ensaios Bolxeviques (2017), achegarase ao legado político de Lenin. Oito días despois, a cuarta feita 18 de outubro, o profesor Carlos Taibo (Madrid, 1956) deterase na pegada libertaria no Outubro Vermello, fundamental nos primeiros meses do poder soviético.

Os ecos da Revolución Rusa atravesaron o planeta de punta a punta. Do seu rastro na Galiza da época, que a duras penas abandonaba o século XIX, disertará o historiador Uxío-Breogán Diéguez (Madrid, 1978) a quinta feira 26 de outubro. A ex deputada do BNG e docente de filosofía Carme Adán (Donostia, 1966) será a seguinte relatora, a sexta feira 3 de novembro: ocuparase do papel das mulleres na construción das utopías políticas.

As consecuencias políticas da fundación revolucionaria da URSS resultan dificilmente mensurábeis. O apoio soviético ás loitas de liberación nacional e á descolonización foi unha das máis decisivas. Claudio López Garrido (Vigo, 1948), economista e no seu día parlamentario pola coalición BNPG-PSG, estenderase sobre o mítico ensaio Retrato dun colonizado, de Albert Memmi, que prologou e traduciu ao galego recentemente. Será a quinta feira 9 de novembro.

O 23 de novembro, tamén quinta feira, será a derradeira das charlas. Correrá a cargo do profesor Jorge Álvarez Yagüez e tratará sobre o pensamento do gran revolucionario italiano Antonio Gramsci. "Neste centenario da revolución rusa convidamos a realizar unha reflexión, desde a periferia, na procura das preguntas adecuadas para non errarmos o camiño no presente", sinalan desde a asociación Alexandre Bóveda. Todas as palestras serán ás 20.00 horas, no local da agrupación na rúa Olmos da Coruña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios