Ames homenaxea os 'Homiños de Boimorto', asasinados en 1936 polo franquismo

“Homenaxeamos os Homiños de Boimorto mais tamén todas as persoas represaliadas e asasinadas pola ditadura fascista”, indicaron desde o BNG, formación que organizou a homenaxe.
Placa en Ames que rende homenaxe aos 'Homiños de Boimorto' (Foto: Concello de Ames).
photo_camera Placa en Ames que rende homenaxe aos 'Homiños de Boimorto' (Foto: Concello de Ames).

A Carballeira de Ortoño, no concello de Ames, lembrou onte os coñecidos como ‘Homiños de Boimorto’ nun acto organizado polo BNG da localidade amesá.

Nun acto en que interviñeron o deputado do BNG no Parlamento da Galiza e concelleiro en Boimorto, Xosé Luís Rivas ‘Mini’, a concelleira do BNG en Ames, Natividade González e o portavoz da formación nacionalista na localidade, David Santomil, familiares das vítimas tamén tomaron a palabra para honrar as súas memorias.

Os ‘Homiños de Boimorto’ foron asasinados en 1936 pola nos Batáns de Ames. Eran 11 concelleiros da corporación municipal de Boimorto, detidos e asasinados polo franquismo.

"Brindar recordo"

“Desde o BNG de Ames seguiremos rendendo esta necesaria homenaxe e tentaremos que en Ortoño, lugar do seu enterramento, se lles poida brindar recordo”, indicaron desde a formación nacionalista.

“Homenaxeamos os Homiños de Boimorto mais tamén todas as persoas represaliadas e asasinadas pola ditadura fascista”, engadiron desde o BNG.

Fosa común

Desde os seus asasinatos en 1936, só tres dos 11 concelleiros republicanos asasinados polo franquismo puideron ser identificados para trasladar os seus corpos a unha sepultura digna.

O resto seguen soterrados en fosas comúns no lugar de Ortoño.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios