Algunhas ideas de Pousa Antelo sobre o ensino, a súa finalidade e a súa función social

A preocupación de Pousa Antelo polo sistema educativo aséntase sobre a tradición pedagóxica que vai de Sarmiento ás Irmandades da Fala e a Xeración Nós, tendo moi en conta o «Plan Pedagóxico prá galeguización das Escolas» elaborado por Risco en 1921.
Eis algunhas das súas ideas

“Galicia sufriu sempre un sistema de ensino distinto, cando non oposto, á súa realidade, á súa cultura e ás necesidades das súas xentes. Quizaves isto explique o baixo rendemento da escola, especialmente no medio rural”. 

“Os nosos emigrantes en América que sufriron persoalmente a falla dunha educación que os preparase para loitar ca vida en igualdade de condicións cos emigrantes procedentes de pobos mais cultos, xuntáronse en sociedades mutualistas que chegaron a ser verdadeiros modelos de asociación comunitaria. Os Centros Galegos da Habana, de Bos Aires ou de Montevideo, por citar somente algúns, ademais de facer unha laboura de asistencia sanitaria e social, intentaron correxi-los defectos do ensino e suplir a súa falla nas súas parroquias e comarcas natais, construíndo edificios para escolas e pagando, en algúns casos, ós mestres, como nas Escolas de Cobas no meu nativo Val de Barcala, fundadas e sostidas pala Sociedade Barcalesa da Habana. Este feito debera ter sido un exemplo a seguir polo Estado, pero éste non soubo ou non quixo entendelo”

“O Estado ignorou sempre a nosa realidade, desculpando os fallos do ensino ca escusa do espallamento da poboación e outras andainas polo estilo. Aínda que tarde así o recoñeceu o propio Ministerio de Educación e Ciencia”

“A Escola, tal como funcionou deica agora, foi un factor urbanizante, uniformista, allea á problemática do home que educa, que minusvalora o traballo manual, a forma de vida, a cultura e todo o que se relaciona co medio no que se atopa... A Escola non se integrou no medio rural, mais, acrecentada a súa potencia polos medios de comunicación, fomentou e impulsou o éxodo rural, a emigración... O relativo fracaso do sistema escolar en Galicia é así un feito... o desaxuste escola-realidade social é notorio”

“A idea dunha escola galega que teña en conta os intereses dos nosos nenos e os conxugue ca nosa cultura e cas necesidades de facer unha preparación axeitada que Iles dea as bases para mellorar o seu futuro aínda está aí sen que ninguén a tome en conta”

“A escola debería entroncar ca realidade e non quedar pechada entre as catro paredes do local; unha escola da vida e para a vida, na que os nenos tivesen un papel activo e dinámico; unha escola que pensara educar en galego e para galegos”

“A Escola e o ambiente que a circunda son inseparables. A Escola non pode ignorar o seu entorno natural e social que gravita sobre os seus contidos culturais, condicionándoos en gran medida.
A vella Escola, pechada en si mesma como unha comunidade de mestre e alumnos, pasou de moda hai tempo. Arestora a Escola ten de ser aberta ó ambiente que a rodea, ter en conta os seus intereses, as súas vivencias, as súas necesidades, o seu modo de ver e de entender as cousas. E incluso o ensino, no canto dos compartimentos ou asignaturas, debe ser concibido como unha globalización. Se a Escola vai asentar a súa tarefa na vida do entorno, esta vida ensinará que os coñecementos, que os feitos normais son «enteiros», isto é, non están divididos en materias distintas, son un todo. Por iso, incluso no ensino superior, cada vez se impón mais a necesidade de interdisciplinariedade do intercambio e relación entre os distintos sectores ou materias”

“Como deben ser, ó meu xuízo, as leccións agropecuarias?
Na maioría dos casos presentando ó neno as materias reais obxecto da lección para que eles poidan velas, tocalas, examinalas co fin de que as coñezan ben. No fondo veñen a ser aplicacións do procedemento intuitivo, baixo certas regras dirixidas a que o neno, valéndose dos sentidos, adquira, da realidade en que vive, percepcións claras e o mais completas posible.
Cando non se poida presentar ó neno o obxecto da lección, por ser as materias que estudamos nestas contestacións coñecidas e de interese na vida infantil, será doado mante-lo interese e a atención dos alumnos.

Toda lección debe ter dous fins: un fondamente educativo que desenrole a intelixencia e demais facultades do neno, e outro práctico, utilitario, pois canto se faga na escola hai que pensar que non é para a propia escola, senón para a vida.
Tamén tivo importancia a correspondencia escolar sostida con alumnos de outras escolas, preferentemente das rexentadas por mestres cursillistas cos que tíñamos experiencias e intereses comúns”

"O escolante díxonos que o mundo é redondo. ¿Ti créelo?". Castelao

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios