Alba de Gloria de novo no Pico Sacro

A bandeira co escudo de Castelao quedou izada no cumio do Pico Sacro. Arredor dela máis de cen persoas rememoraron a subida de 1924 de Castelao á cima do monte cando a ditadura prohibira a conmemoración do dia nacional de Galiza. A lectura colectiva do Alba de Gloria, o seu máis emocionante discurso, sentiuse de novo na xornada organizada por Galiza Cultura.

Por segundo ano, Galiza Cultura sobe ao alto do Pico Sacro seguindo os pasos que inaugurara Castelao en 1924, cando a ditadura proibira conmemorar a festa nacional galega. Tempo despois o autor de Sempre en Galiza víase impedido de festexar o día na súa terra e no Bos Aires do exilio pronunciou en 1948 o seu máis coñecido discurso, o Alba de Gloria no que evoca a enerxía do monte cando sinala que a fesa do 25 de xullo “ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro”.

Ao espazo simbólico subiron máis de cen persoas convocadas por Galiza Cultura a mediodía do 21 de xullo. No inicio, Pilar García Negro, presidenta da entidade que agrupa ás asociacións cuturais puxo fronte á fronte a imaxe da xornada máis o retrato do grupo con Castelao á cabeza que naquel 1924 camiñaran polas mesmas pedras. As diferenzas estaban á vista, entre elas, a ausenza total de mulleres na imaxe dos anos vinte contra o que acontecía neste acto organizado case noventa anos despois. Mália iso, Pilar García Negro destacou a conveniencia de retornar á tradición, sen saírmos dos nosos tempos, e saber de onde se ven, os pasos dados con anterioridade que abriron camiño.

Despois de subiren á cima do monte, un grupo d epersoas partillaron da lectura do Alba de Gloria, entre elas, David Otero, Mero ou Teresa Moure. O himno galego puxo fin a un dos actos que se organiza no auditorio de menos dimensión máis cunha vista máis ampla. Poucos metros cadrados mide o cumio do Pico Sacro cargado de enerxía e simbolismo e moitos son os quilómetros que se albiscan desde a súa altura, dominando a comarca na que a súa presenza se impón con especial forza.

No remate do acto, despois de entoaren o himno galego, as persoas participantes percorreron o monte, os seus camiños, pasadizos e covas e lembraron as lendas que gardan cada un dos seus recunchos, historias que aparecen no Códice Calixtino e pasaron á memoria colectiva como a da Raiña Lupa. A Quenlla puxo música neste espazo de especial sonoridade.

O xantar de fraternidade puxo fin á xornada pero antes do remate, representantes das distintas asociacións culturais fixeron o seu brinde pola cultura galega. A música de Mini e Mero soou tamén neste peche da conmemoración que está a recuperar nesta segunda edición o espíritu do Castelao de Alba de Gloria e do que, vencendo as réxeas proibicións da ditadura, atopou no Pico Sacro o lugar con forza cae telúrica para o encontro coa patria.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios