Beade, o concello gobernado polo franquista Senén Pousa até o pasado ano, cambia o nome da rúa do Caudillo

A vía pasa a denominarse rúa do Ribeiro tras un acordo entre as diferentes forzas políticas representadas na corporación. O alcalde, Fernando Taboada (PP), nega que o concello simpatice co réxime franquista e afirma que iso é "algo do pasado" que atribúe a Pousa.
A antiga rúa do Caudillo de Beade. (Foto: Google)
photo_camera A antiga rúa do Caudillo de Beade. (Foto: Google)

O Concello de Beade (O Ribeiro) deixa de contar no seu rueiro cunha vía dedicada ao ditador Francisco Franco, despois de alcanzarse un acordo para que a rúa do Caudillo pase a ser denominada rúa do Ribeiro. O novo nome foi elixido como opción de consenso após meses de negociacións entre os grupos que forman parte do consistorio de Beade, municipio que até o pasado mes de maio estaba gobernado por Senén Pousa, histórico rexedor do PP falecido en novembro que sempre simpatizou publicamente co réxime franquista. Pousa faleceu o pasado novembro aos 84 anos.

A proposta para rebautizar esta rúa como rúa do Ribeiro foi aprobada polo pleno da corporación co apoio de PP —grupo de goberno—, PSOE e Por Beade —agrupación formada por Pousa após non contar co visto e prace do seu ex partido para volver optar á Alcaldía que ostentaba desde había décadas—. Pola súa parte, o cuarto grupo con presenza no concello ribeirao, a Asociación Veciñal Independente de Electores (Avide), non apoiou a decisión, que avogaba por someter a mudanza a unha consulta popular entre os veciños.

O cambio da rúa Caudillo pola rúa do Ribeiro súmase ás da rúa Alférez Montero, tamén de referencia ao réxime franquista e que foi renomeada como rúa do Cabaleiro, así como da Travesía do Caudillo, que pasa a ser oficialmente Rego do Carballo, como xa se referían a ela os veciños da localidade. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o rexedor de Beade, Fernando Taboada, que mostrou a súa satisfacción por levar a cabo o cambio de denominación da rúa en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

Destaca que se chegou á fórmula "neutra" elixida para rebautizar a rúa en honra á comarca na que se asenta Beade como unha vía para superar as diferenzas en aras de alcanzar un acordo político que permitise levar a cabo o cambio, despois de meses de conversas nun concello que os populares gobernan en minoría con tres concelleiros dunha corporación de sete —o PSOE ten dous e Por Beade e Avide, un—.

Como explicou Taboada, o Goberno que el mesmo encabeza avogaba por dedicar a rúa ao abade Juan Sobreira, clérigo e estudioso do século XVIII nado en Beade. Con todo, segundo o alcalde, o feito de ser unha figura relacionada coa relixión non foi aceptada por algún dos grupos, polo que se descartou para virar cara a unha opción máis "aséptica" como a finalmente elixida.

Agora o Goberno local estuda dar pasos para a eliminación doutros vestixios do réxime franquista que perviven en Beade, como o xugo e as frechas da Falanxe gravados sobre a pedra na fonte da Presa. Fernando Taboada recoñece que esta cuestión está aínda en fase inicial, xa que debe consultarse á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta se é preciso que dean o seu visto e prace ao tratarse dun elemento catalogado.

Así as cousas, o alcalde valora que se dean pasos cara ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica e cre que a asociación de Beade a unha corrente de simpatía cara ao réxime franquista debíase exclusivamente á figura de Senén Pousa. Trátase, en palabras de Taboada, dunha "cousa pasada" porque Beade "nin moito menos" pode identificarse con ese tipo de ideoloxía, senón que é unha terra que se caracteriza "polo seu patrimonio, o viño ou a cultura".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios