Falece Senén Pousa, o ex alcalde franquista de Beade

Pousa era un recoñecido franquista e até hai pouco o alcalde máis veterano de todo o país.
Senén Pousa nunha imaxe de arquivo.
photo_camera Senén Pousa nunha imaxe de arquivo.

O que fora alcalde do concello de Beade (comarca do Ribeiro) faleceu na mañá desta quinta feira aos 84 anos de idade. Senén Pousa foi alcalde do seu municipio até este ano, cando perdeu a alcaldía após un conflito interno co que era o seu partido, o PP.

Pousa era un recoñecido franquista e até hai pouco o alcalde máis veterano de todo o país xa que ostentaba a Alcaldía do municipio desde o ano 1974.

Nas eleccións do 28 de maio, co 100 % dos votos escrutados, o PP, encabezado por Fernando Taboada, logrou facerse con 3 dos 7 representantes da Corporación, baixando un edil; mentres que o PSOE logra 2 actas (unha menos) e, ademais da agrupación encabezada por Pousa após ser expulso do PP, entrou no Concello, un representante da Agrupación Veciñal Independente de Electores (Avide).

Admirador de Franco

Pousa, polémico por declararse abertamente admirador de Francisco Franco, foi rexedor baixo as siglas de Coalición Democrática, Centristas de Galicia e polo PP. Con todo, Manuel Baltar apartouno para pór como cabeza de lista Taboada nesta cita electoral.

Após perder a Alcaldía, o rexedor con máis anos no cargo da Galiza pasou a ser José Antonio Pérez Cortés (PP), alcalde de Quintela de Leirado (comarca de Celanova) desde 1976.

O candidato do PP neste concello logrou as 7 actas do Concello, con 87% dos apoios convertendo o seu nun dos catro concellos que só teñen un partido con representación na cámara municipal.

Comentarios