120 anos dunha protesta reprimida a lume pola Exército español

O masacre de Mones

A comarca de Valdeorras viviu nunha insubmisión permanente contra o Estado nos anos finais do século XIX e nos iniciais do XX. O deterioro das condicións materiais de existencia, a lesiva política fiscal do Estado e o recurso á Garda Civil e ao exército para responder ás demandas da poboación criaron as condicións para unha situación social explosiva.

 

 

photo_camera As campás da igrexa de Monés foron empregadas pola veciñanza para avisar da chegada do Exercito español. (Foto: Mayte Ríos)

A filoxera agravou, aínda máis, a situación económica daquelas comarcas galegas que se dedicaban a actividade vitivinícola en réxime de monocultivo. As súas consecuencias foron dramáticas, aumentando a mortalidade, por efectos da desnutrición, privando  á poboación da súa única vía de ingresos, provocando a expulsión das terras que traballaban e favorecendo o despoboamento masiva destas zonas.

A miseria e os padecementos da veciñanza de Valdeorras eran coñecidos no conxunto do Estado. Sen ir máis lonxe, nos días seguintes ao masacre de Mones, El Liberal, un dos xornais de máis circulación no momento sinalaba que “a miseria e a pobreza mandan naqueles  pobos de Valdeorras, onde fai oitos anos perdéronse os viñedos que producían máis de 200.000 cántaros de viño, até o extremo de transformar a un grande número de contribuíntes útiles para a patria en mendigos que imploran caridade pública. É desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos”.

As lesivas políticas económicas do Estado, nunha  comarca con grande tradición de loita e con certa introdución republicano federal e socialista, como ficou demostrado no período da I República española, abonaron o terreo para unha decidida resposta social, que se alongou durante practicamente unha década. Neste contexto, a protesta fiscal foi a forma que volveu a adoptar o malestar social, repetíndose boa parte das xeografías e repertorios de loita do Sexenio, neste momento arredor doutras reivindicacións concretas.

A protesta fiscal como expresión do malestar social

A decisión do goberno de enviar o exercito á comarca de Valdeorras en setembro de 1901, coa encomenda de colaborar coas autoridades a facer efectiva a recadación fiscal, situou o conflito nunha nova fase. Unha compañía militar procedente de Lugo, de aproximadamente cincuenta soldados ao mando dun tenente coronel, instalouse nas proximidades da casa do concello do Barco e non tardou en facerse presente a carón do dos recadadores nas diversas localidades da zona.

31 de xaneiro de 1902 presentouse en Mones, no concello de Petín,  unha compañía para facer efectivo un embargo. Segundo recollía o diario de Lugo La Idea Moderna, no seu numero de 2 de febreiro de 1902, “pedidas algunhas forzas polo alcalde de Petín para o cobro de impostos, saíron do Barco, un capitán, dous tenentes e 18 soldados do rexemento de Isabel la Católica, os cales ao chegar ao pobo foron sometidos  por un grande número de paisanos véndose na obriga de disparar”.

As mortes producíronse canda os soldados quixeron facer efectivo o embargo da vivenda dun veciños, que debían varias anualidades do impopular imposto de consumos. Segundo sinalaba o dous de febreiro o xornal conservador madrileño La Correspondencia de España, “en ocasión de verificarse o embargo da casa de Indalecio López, veciño de Mones, este instigou ao pobo para impedilo. O pobo amotinouse agredindo con pedras aos soldados. O capitán ordenou facer fogo, resultando morto un paisano chamado Francisco Rodríguez e deixando dous feridos graves” .

A revolta de Mones abriu a porta a unha vaga represiva en varias comarcas ourensás. Diversos medios de prensa deron conta nos días seguintes do falecemento doutras dúas persoas feridas durante o suceso, motivando un vivo debate no Congreso. Un grupo de veciñas e veciños da localidade, entre os que se atopaban Indalecio López, un recoñecido cadro republicano federal, foron encarcerados na prisión do Barco, provocando diversos en solidariedade na zona. Ao tempo, púxose en marcha un tribunal militar especial para procesar a diversos participantes da protesta, entre eles membros do comité republicano federal de Petín e dirixentes da entidade agraria de Ponte Mouriscos, outra parroquia deste concello.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios