Foron executados a garrote vil na Coruña

73 anos do asasinato dos antifascistas galegos Gayoso e Seoane

José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez son dous dos grandes símbolos da resistencia ao fascismo na Galiza pero tamén da brutalidade do réxime franquista.
José Gómez Gayoso
Foto:Nós Diario
photo_camera José Gómez Gayoso Foto:Nós Diario

O 6 de outubro de 1948 foron executados na Coruña a garrote vil José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Un e outro militantes do Partido Comunista de España (PCE), chegaron a Galiza á volta de 1944 co obxectivo de reorganizar o partido e a actividade guerrilleira.

Gómez Gayoso, natural de Maceda, dirixente do PCE na Galiza durante o período republicano, comisario da cultura do exercito popular, compañeiro de viaxe de Castelao nunha visita a Unión Soviética, exiliado en Cuba e na República Dominicana vai ser nomeado secretario xeral dos comunistas galegos.

Seoane Sánchez, nado en Boiro e criado na emigración Arxentina, adherente da Federación de Sociedades Galegas e politizado de xeito tardío ao calor dos acontecementos da Guerra Civil, decide deixalo todo e entregarse á loita na Galiza, acadando á máxima responsabilidade do Exército Guerrilleiro da Galiza.

Os dous anos e medio que se manteñen á fronte a resistencia armada na Galiza van coincidir cun período de grande actividade guerrilleira pero tamén de conflitos internos, algúns dos cales precisan aínda hoxe de aclaración e reparación.

A caída de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez a mans da policía en 1948 significa un punto e aparte na historia da oposición á ditadura na Galiza. A súa detención vai provocar ao tempo o apresamento doutros militantes comunistas como Juan José Romero Ramos, José Bartrina Villanueva, José Rodríguez Campos, Juan Martínez Montero, Luís García Jiménez, Clementina Gallego Abeledo, María Blázquez del Pozo, Carmen Orozco Muñoz e Josefina González Cudeiro.

"Gómez Gayoso e Seoane Sánchez antes de ser condenados a morte van sufrir duras torturas na comisaría coruñesa"

Gómez Gayoso e Seoane Sánchez antes de ser condenados a morte van sufrir duras torturas na comisaría coruñesa. Segundo sinala Gayoso nunha carta enviada desde o cárcere, “teño o intestino e estómago esnaquizados e os pulmóns non cesan de vomitar sangue”.

“O que comigo e Seoane fixeron, é difícil de relatar e, a fin de contas, non paga a pena relatarvos as atrocidades que con nós cometeron”, continúa Gayoso, cuxa morte e máis a de Seoane van acadar un carácter mítico para o antifascismo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios