40 aniversario da legalización da ANPG

Hai corenta anos, concretamente o 23 de Marzo de 1978, após un longo litixio co goberno do estado, era legalizada a Asemblea Nacional Popular Galega. 

Plenario da ANPG.
photo_camera Plenario da ANPG

A comezos de marzo de 1977, os responsábeis da organización achegan os estatutos ao Ministerio do Interior, para a súa inscrición no rexistro de partidos. O Estado adiou a súa resposta a fin de impedir a súa presentación ás eleccións xerais de xuño e contestou negativamente á volta do mes de outubro. Se formalmente o goberno explicaba a súa negativa á legalización argumentando que se trataba “dunha entidade de carácter benéfico”, para non ser obrigado a remitir a documentación á fiscalía do Tribunal Supremo, órgano formalmente competente para ditaminar sobre a súa procedencia, as razóns formuladas aos dirixentes da organización eran diferentes. Así, nun primeiro momento solicítase un cambio da declaración ideolóxica para proceder ao seu rexistro, limitando posteriormente a mudanza á retirada dos principios de autodeterminación e de anticolonialismo, demandas rexeitadas polos responsábeis da ANPG.

A presión popular rematou por dobregar o goberno. Ao tempo que unha comisión da dirección da ANPG, formada por Lois Diéguez, Pilar Allegue, Francisco Carballo e Teresa Conde Pumpido, mantiña contactos cos responsábeis do Ministerio de Interior e co propio ministro, Jesús Sancho Rof, persoa ligada familiarmente a Galiza, os militantes da organización desenvolvían unha forte campaña a favor da legalización ao longo do país. Máis de 38.000 sinaturas de galegas e galegos recollidas na práctica totalidade das localidades da nación, acordos favorábeis de corporacións municipais, aínda en mans de concelleiros nomeados polo franquismo, como as de Cangas, Moaña, Bueu ou O Carballiño, declaracións públicas de colexios profesionais ou comités de empresa, colexios de arquitectos de Galiza, colexio de doutores e licenciados de Pontevedra, ou manifestos de asociacións culturais ou veciñais, como O Galo, a Agrupación cultural Vigo, a asociación de veciños de San Pedro de Visma, son algúns exemplos de toda a vaga de apoios.

A Asemblea Nacional Popular Galega é unha organización política chave da historia de Galiza. Presentada publicamente en abril de 1975 en Porto, baixo o paraugas solidario do Portugal revolucionario, significaba a concreción practica dunha fronte patriótica, ficando asociada a súa traxectoria á extensión do nacionalismo ao longo e ancho do país e a conversión nun auténtico movemento de masas. Deixou pegada nas grandes loitas populares da Galiza de finais do franquismo e dos primeiros anos da II restauración, a xogar un papel central e decisivo na fundación do Bloque Nacionalista Galego a quen lle legou os seus principios ideolóxico e o groso da súa militancia. Sen historiar a ANPG, unha tarefa pendente, non se poden explicar na Galiza os inicios do réxime actual, nen é posíbel entender o proceso de asentamento da alternativa nacionalista, nen comprender os movementos sociais dun tempo e dun país, nen coñecer o corpo doutrinal e programático do nacionalismo galego.

A ANPG deixou pegada nas grandes loitas populares da Galiza de finais do franquismo e dos primeiros anos da II restauración

A democracia nunca chega para aqueles que aspirar a cambiar o sistema. Mentres o Partido Socialista e o Partido Comunista eran legalizados a tempo para concorrer as eleccións xerais de xuño de 1977, a UPG e a ANPG non puideron acudir coas súas propias siglas ao proceso electoral, véndose na obriga de promover unha agrupación de electores a través da recollida de sinaturas para garantir a presenza do nacionalismo na contenda. Tal e como sinalaba o secretario portavoz da ANPG, Lois Diéguez, no cuarto plenario da organización en decembro de 1979, “o goberno español tiña preparado para nós o silencio e o guetto, o desprestixio e a desfeita rápida. Viña de preparar as primeiras eleccións xerais co sentido de reformar as estruturas e de que todo, no fondo, seguise igual, daí a importancia para os seus fins de que os movementos de liberación nacional non tivesese presenza legal”. Aínda así, en marzo de 1978, seguía na alegalidade a UPG, partido que partillaba programa coa ANPG na coalición electoral BNPG, tendo que agardar a xullo dese ano pola pelexada legalización.

 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios