1930: Unha homenaxe a Blanco Torres

O 4 de xaneiro de 1930 Roberto Blanco Torres recebe en Ourense, no Hotel Roma,  unha magna homenaxe. O periódico La Zarpa, do que foi director entre 1921 e 1923, dedica dúas páxinas a referenciar os discursos, os asistentes, as adhesións, ao tempo que se adere “fervorosamente” á homenaxe ao ilustre escritor, ao valente xornalista e ao cidadán exemplar.

Blanco Torres
photo_camera Blanco Torres

Podíamos repasar a listaxe de adherentes, mais dun cento, mais para o obxectivo desta lembranza abonda con mencionar as palabras, ben enviadas por non poder asistir ben ben pronunciadas no acto.

Basilio Álvarez, fundador de La Zarpa, non puido asistir por un problema ocular, mais enviou nota que foi lida no acto e que, traducida, di “Ben facedes, ourensáns, en sentarvos  na noite de hoxe en torno de Blanco  Torres. O grande escritor e formidábel  xornalista, é un verdadeiro  símbolo. A súa figura, nestes momentos,  ten características que parecen arrincadas a un vivir  sen mácula para ser montadas ao ar como unha lección fulgurante  de exemplaridade.  Poeta de altísimos voos, por selo ten o seu cerebro na  alma de todos. Iso fai que asome aos panoramas do  pensamento co brío profundo do ideólogo, pero coa  xenerosidade romántica do home perfecto. E todo isto  que lle fai pisar recio polos cumes axítase o xenio,  non é o bastante. O considerable de Roberto é que a súa  vida toda é un modelo de austeridade, e hoxe a honra para comer  á beira dun home honrado, sentar en torno dunha  conduta, vai sendo pracer de deuses. Lamento non participar  desa honra, pero Deus sempre benigno comigo,  ao advertir as abxeccións que se dan polo noso país,  para liberarme do bochorno de velas, premioume cunha  afección accidental á vista. Que pase pronto a onda  para que torne a ver!Á vosa destra en espírito”

Tamén envía  carta Risco: 

Carta Risco a Blanco Torres

Otero Pedrayo (en galego, segundo aclara La Zarpa), fala resaltando o labor como xornalista e como poeta de Blanco Torres e, finalmente, o homenaxeado pecha o acto subliñando non seu discurso, feito en galego segundo aclara a redacción de La Zarpa,  que se sente orgulloso da súa traxectoria vital, e que esa homenaxe, obviamente, non é á súa persoa mais a esa traxectoria , que os seus ideais son os de Liberdade,  Verdade e Xustiza,  que todos os homes sans  propugnan e que el neste  momento de angustia representa  unha pedra coas  arestas cara arriba para  sinalar o seu pico agudo, e  tamén que a vida é sacrificio,  deber e responsabilidade,  e que nestes momentos é  necesario que todos se poñan  en pé sobre a turbulenta  riada da vida española.

Otero Pedrayo fala resaltando o labor como xornalista e como poeta de Blanco Torres

De Roberto Blanco Torres di Emilio Insua que “foi un dos xornalistas máis sobranceiros da Galiza do primeiro cuarto de século. A calidade e interese dos seus artigos, a honestidade con que emitiu as súas opinións, a dignidade con que afrontou a persecución da censura e dalgún propietario de xornal (caso de Portela Valladares e El Pueblo Gallego) e o prolífico da súa pluma, presente nos principais cabezallos da prensa galega desa época (A Nosa Terra, El Noroeste, El Correo Gallego, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego, El País, etc.) converten a súa figura nunha referencia inexcusábel á hora de falarmos desa xeración de grandes xornalistas que deu a nosa Terra antes do estoupido bélico do 36, xeración á que pertence tamén por dereito propio e en destacado lugar o noso compatriano Antón Villar Ponte”

En outubro 1936, como antes sucedera con algúns das asistentes ou adherentes a esta homenaxe, foi paseado polas milicias falanxistas. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios