17M: Bóveda vivo, vixente e necesario

Diversos actos lembraron a figura e pensamento do dirixente nacionalista na data do seu fusilamento polos fascistas.

bng

A xornada comezou ao mediodía, nas Escaleiras de San Francisco, en Pontevedra, co acto de En Marea e púxolle o ramo o BNG, o tradicional acto político organizado polo BNG na Praza Curros Enríquez de Pontevedra baixo a escultura que lembra o nacionalista fusilado. No entremedio, ofrendas, lembranzas e homenaxes institucionais, políticos e sociais a Alexandre Bóveda, o motor do Partido Galeguista, como o cualificara o seu irmán, compañeiro e amigo Daniel Castelao.

alexandre bóveda @RubenCela

Ás 13 horas, na Caeira (Poio) decorreu a homenaxe institucional por parte da Fundación Alexandre Bóveda e do Concello de Poio a Alexandre Bóveda e todas as persoas represaliadas polo franquismo. Un acto que contou coas intervencións de Lidia Salgueiro, concelleira de Cultura, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, filla de Bóveda, e Luciano Sobral, alcalde de Poio. Posteriormente fíxose entrega do XII Premio da Galiza Mártir o historiador Xosé Estévez. O acto celebrouse no transcurso do xantar popular que vai realizarse no Parque da Memoria. Xa pola tarde, no cemiterio de San Amaro, unha misa na memoria de Bóveda, e posteriormente un acto cívico en que tomaron a palabra Fernando Souto (Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña), ademais Xosé Estévez recibirá o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.

Luis Villares (En Marea) denunciou no acto da formación que “existen unhas élites políticas e económicas que se beneficiaron do franquismo e manteñen os seus privilexios”. Para o portavoz de EM, “a memoria non é soamente coñecemento. A historia tamén son valores e emocións”, quen puxo Bóveda como “exemplo de vida”.

en marea

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón defendeu no acto do BNG a vixencia de Alexandre Bóveda e do nacionalismo. Lembrou as propostads do galeguista para “unha facenda galega” e  “unha banca pública galega”, que teñen total vixencia na actualidade.  “O nacionalismo é máis necesario que nunca”, recalcou a portavoz do BNG.

Memoria Histórica

Pontón anunciou que o BNG remitirá ao Parlamento galego unha lei de Memoria Histórica para o recoñecemento e reparación de todas as vítimas do franquismo. “Queremos que Galiza conte cunha lei propia co máximo rango institucional”.

Avanzou que o texto lexislativo do BNG inclúe anular todos os xuízos e condenas ditadas polos tribunais do franquismo entre 1936 e 1978, a diferenza do que ocorre coa Lei estatal de 2007. Resulta “indecente”, afirmou que Amalia Bóveda, 81 anos despois continúe agardando a anulación do xuízo contra o seu pai e sexan desestimados todos “falsos cargos” contra el. A Lei tamén reclama a exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns e a supresión de toda a simboloxía franquista.

O BNG, tamén inclúe na lei galega da Memoria declarar institucional o 17 de agosto,  Día da Galiza Mártir, como data de homenaxe a todas as vítimas da represión,  elaborar un “mapa de lugares da memoria” preservando o simbolismo de espazos como o da Illa de San Simón declarándoa  “Illa da memoria” e crear o Consello Galego da Memoria

A situación que estamos  vendo no Pazo de Meirás, remarcou Pontón  é “un esperpento” e ten un responsable, Alberto Núñez Feijóo que mantén unha “actitude morna”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios