Os 175 anos da Batalla de Cacheiras

Hoxe, 23 de abril, é o 175 aniversario da considerada como máis importante batalla da Historia da Galiza contemporánea: a Batalla de Cacheiras (Teo), no marco da Revolución Galega de 1846, cando os galegos comandados polo xeneral Solís se sublevaron contra o centralismo español. Os protagonistas dun dos feitos máis silenciados na historiografía acabaron sufrindo o exilio, torturas e a morte.

Martires de carral

As ladeiras de Montouto, en Teo, decorría o 23 de abril de 1846 a que pasou á historia como Batalla de Cacheiras, entre o exército enviado polo Goberno de Madrid, baixo as ordes do xeneral José de la Concha, e as forzas galegas, lideradas polo coronel Miguel Solís, no contexto da Revolución Galega.

O factor chave da derrota dos galegos foi o envío á Galiza de máis unidades do bando español. Un desprazamento que desequilibrou a correlación de forzas e que ficou evidenciado en Cacheiras. Na ladeira do monte tivo lugar a confrontación aberta, que, dada a falta de efectivos e de material, finalizou co repregue dos homes de Solís en Compostela.

Na capital galega continuou o enfrontamento entre os dous bandos. “Toda a cidade converteuse nun campo de batalla, casa a casa, corpo a corpo”, deixou escrito Juan do Porto, pseudónimo dun dos dirixentes da Revolución. “As probabilidades de articular unha resistencia con garantía após a deserción de Celis [Rubín, mariscal de campo á fronte dun corpo que finalmente non acudiu ao apoio dos homes de Solís] e as baixas das tropas galegas levaron a buscar unha solución pactada que o xeneral De la Concha se negou a negociar”, expuña Do Porto.

A rúa do Hórreo, Sar, Pontepedriña e a praza do Pan foron algúns dos escenarios da contenda, que rematou cos efectivos galegos refuxiados, con numerosas baixas, en San Martiño Pinario.

Murguía, marcado polo episodio

A vida do historiador Manuel Murguía estivo marcada pola retirada dos galegos após a Batalla de Cacheiras. O portal da casa e a botica do seu pai viraron nun improvisado hospital para socorrer un dos efectivos de Solís, ferido de morte.

O 26 de abril de 1856, o propio Murguía, que presenciara de neno os últimos episodios da Revolución nas rúas compostelás, “sentou a primeira pedra do fito inaugural do que andando o tempo será o nacionalismo galego, conmemorando o décimo aniversario do feito dende as páxinas de La Oliva con dous textos nos que, xunto á base ideolóxica progresista, alenta xa o galeguismo emerxente, como cando fai dicir aos alzados No queremos ser más que gallegos”, expón o historiador Xusto Beramendi na publicación difundida hoxe pola Fundación Galiza Sempre sobre este episodio da historia da Galiza.

O 26 de abril de 1846 foron fusilados en Carral, por orde do Goberno do Partido Moderado, o comandante Solís e outros once oficiais, os mandos militares do pronunciamento progresista que se iniciara en Lugo o día 2 dese mes e que, logo de se estender por boa parte da Galiza, acabou derrotado na batalla de Cacheiras.

Explica Beramendi na citada publicación, con prólogo do presidente da fundación, Rubén Cela, que os coñecidos como Mártires de Carral foron “enxalzados como os primeiros que deron o seu sangue pola causa da Galiza e puxeron así a semente da que agromaría o provincialismo primeiro, o rexionalismo despois e, finalmente, o nacionalismo”.

Foi a Liga Galega da Coruña quen impulsou a construción do cruceiro de pedra por subscrición popular en Carral. Un monumento no que figura o escudo da Galiza e o lema “Mártires da Liberdade”, co nome de todos os homes fusilados. Outros provincialistas destacados, como Antolín Faraldo e Francisco Añón, tiveron que agocharse ou exiliarse. Porén, o movemento que encabezaran rexurdiría con forza anos despois. “Ficaba en pé o primeiro miliario do nacionalismo galego”, en palabras de Beramendi.

Vía Galega convoca un acto o sábado

A Plataforma Vía Galega convocou para este sábado, 24 de abril, un acto público en homenaxe aos Mártires e para divulgar a importancia da Revolución Galega de Abril. Decorrerá ás 12 horas, diante do monumento aos fusilados, en Carral, e contará coa intervención de Xurxo Souto.

Vía Galega recupera, así, "os acontecementos de 1846 coa conformación da Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza e as proclamas de Antolín Faraldo, para loitar contra a posición subordinada á que fora sometido, política e economicamente, o noso país baixo a ditadura do xeneral Narváez".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios