162 anos despois, volve o Banquete de Conxo

O Concello de Santiago de Compostela organiza esta fin de semana unha homenaxe ao histórico encontro entre estudantes e clases populares

conxo 1

O pasado 2 de marzo fixeron 162 anos desde aquela comida de artesáns, obreiros e estudantes da época entre os que figuraban Eduardo Pondal, Manuel Murguía e Aurelio Aguirre. Con motivo do aniversario, o bairro de Conxo poderá gozar con música, palestras, roteiros, actividades para crianzas e, por suposto, un xantar popular. Esta fin de semana, o Banquete renace coa firme intención de se converter en cita anual na axenda compostelá.

O evento combinará dúas vertentes, unha lúdica e outra reivindicativa, para conmemorar a data. Deste xeito, a festa non só xuntará toda a veciñanza para a celebración, senón que servirá como unha oportunidade para facer un chamado a prol da liberdade de expresión, a igualdade e a diversidade cultural. O programa de actividades –deseñado polas áreas municipais de Acción Cultural, Emprego, Comercio, Educación e Centros Cívicos– dará inicio na mañá deste sábado coa apertura do Mercado do Libro e da Artesanía, ubicado na praza Aurelio Aguirre e que decorrerá durante toda a fin de semana.

Ás doce do mediodía, o Centro Cívico de Conxo será o punto de saída dunha visita guiada ao bosque do Banquete da man do editor Henrique Alvarellos. Ás 17 horas, o mesmo centro acollerá a mesa redonda "Que foi o Banquete, que é Conxo", conducida por Marcos Lorenzo. No acto, as investigadoras Xurxo Martínez, Juan José Lema, Encarna Otero e Mercedes Franqueira reflexionarán sobre a implicación histórica de tal evento, así como as transformacións que afronta o bairro co paso do tempo.

Os máis miúdos terán tamén espazo no programa, que incluirá chocolatada, teatro de monicreques e a confección dun panel colectivo en "O Conxo que queremos", organizado para as 18.30 horas do sábado na praza Aurelio Aguirre. Á mesma hora, adultos e crianzas tamén poderán gozar cun concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo e da Coral de Solfa na escalinata do Hospital Psiquiátrico. Por último, a poeta ceense María Lado conducirá "A festa da poesía", que fechará a xornada entre a praza Aurelio Aguirre e o bar Caimán coas intervencións poéticas de Carlos Lixó, Sofía Espiñeira, as regueifas de Carme da Pontragha, e a música de García MC e O Leo. Juan Carlos Valle ‘Karlotti’ será o encargado de declamar o “pregón invertido”.

O domingo, día grande da celebración, iniciará ás 11.30 horas con "Alá van estudantes e artesáns", un desfile teatral dos Quinquilláns desde a Praza do Toural até o Centro Cívico de Conxo. Unha vez rematado e no mesmo sitio, arredor das 12.45 horas, Marisa Álvarez lerá o pregón da Festa do Banquete. Após a lectura, Os Quinquilláns e diversos colectivos continuarán a súa marcha cara á carballeira de Conxo, onde a Banda Municipal de Música deleitará o público con pezas de mediados do século XIX. 

Ás 14 horas haberá unha recreación teatral do Banquete de Conxo que abrirá, por fin, o xantar e romaría popular, con brindes da veciñanza e posterior sobremesa e serán de fraternidade, cunha foliada aberta na que actuarán Os Fondaos do Pífano, os Muiñeiros do Sarela e Do Fondo do Peto. Por último, e para pechar o aniversario do Banquete, Henrique Alvarellos guiará unha última visita ao bosque do Banquete desde a propia carballeira, onde posteriormente Luis Pasín e Os Quinquilláns pecharán a festa cun convite á seguinte edición. 

‘Orde e fraternidade’, un piar do galeguismo

Na altura do Banquete de Conxo orixinal, considerado como un evento fundacional do galeguismo, Galiza estaba tronzada por graves crises económicas e acababa de sufrir unha importante vaga de fame. Dez anos despois do fusilamento dos Mártires de Carral, o Partido Demócrata organizaba este acto histórico de baixo o lema ‘Orde e fraternidade’ no que un patrón e dous obreiros de cada oficio foron convidados e servidos por estudantes da Universidade de Santiago, traspasando os límites entre clases sociais.

O escenario, localizado na parte posterior do mosteiro de Santa María de Conxo, fora arrodeado de forzas militares por causa da desconfianza que espertara entre o goberno conservador. Aínda que non se rexistraran incidentes violentos, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal –impulsores da iniciativa canda Luis Rodríguez Seoane– foron procesados polos seus brindes, nos que facían firmes arengas progresistas. Aínda que foran condenados ao desterro nas Illas Marianas, a intervención do fiscal logrou que finalmente o castigo non fora executado.

Hoxe en día, a carballeira que acubillara orixinalmente a festa acaba de ser restaurada e o espazo, reconvertido a través do obradoiro Ecotur Xuvenil III. O grupo de mozos desempregados acondicionaron e recuperaron os carreiros tradicionais, restauraron as ribeiras do río e acondicionaron espazos de uso público. A partir de agora, a veciñanza poderá gozar desta Senda do Banquete de Conxo que se une co vieiro do Sar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios