1.500 galegos exiliáronse no século XV en Bretaña e Portugal para fuxir da represión dos Reis Católicos

O 17 de decembro de 1483 Pardo de Cela era degolado na praza da catedral de Mondoñedo por orde dos Reis Católicos. O seu asasinato é un caso paradigmático da dura represión exercida por Castela contra Galiza para derrotar a revolución galega do século XV.

Restos da fortaleza da Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu o cerco castelá.
photo_camera Restos da fortaleza da Frouxeira, no concello de Foz, onde Pardo de Cela resistiu durante meses o cerco castelá. (Foto: Nós Diario).

A rebelión galega só foi derrotada após dunha dura campaña militar de anos. Á altura de outubro de 1480 os Reis Católicos enviaban contra Galiza unha unidade militar, a “Santa Hermandad”, corpo de exército formado, segundo Vasco de Aponte, por máis de 300 xinetes e dirixido por López de Chinchilla e Fernando de Acuña, cuñado de Xóan de Viveiro, con funcións policiais e xudiciais.

Unha guerra longa

As milicias conformadas por casteláns e mercenarios bretóns foron rexeitadas desde o primeiro momento polos galegos, afirmando os propios cronistas reais, como Zurita, que chegaron “contra a vontade de todo aquel reino, estando todos en resistencia”, só podendo dar por vencida a resistencia galega en 1486.

A intervención militar castelá na Galiza virá acompañada dunha dura represión sobre a rebelión galega. Un exemplo desta política, atópase no asasinato  de Pedro Pardo de Cela, fora este o 17 de decembro de 1483, como indica a tradición e a documentación clásica, ou nos primeiros días de de o utubro dese 1483, segundo achega a información de Xosé Carlos Breixo ou Eduardo Pardo de Guevara, explícase no marco dunha guerra colonial de conquista e na conseguinte aplicación de medidas excepcionais.

A  execución de Pardo de Cela non foi un feito excepcional nin anecdótico, pola contra son varios os casos de líderes desta revolta executados polas forzas castelás, comezando pola propia filla do mariscal Constanza de Castro morta no sitio do castelo de Caldaloba, no concello de Cospeito, en 1484.

O exilio galego

A vaga represiva provocada polo acción das forzas casteláns rematará por expulsar ao exilio portugués e bretón arredor de 1.500 galegos. Hernando del Pulgar, secretario de Estado, conselleiro real e cronista oficial dos Reis Católicos, na súa Crónica de los Señores Reyes Católicos Don Fernando y Doña Isabel de Castilla y de Aragón, dá cumprida información da represión exercida contra os galegos e das características do seu exilio.

Del Pulgar escribe en 1487, que “no reino de Galiza había moitos homes que por mortes e delitos estaban condenados a penas de morte e desterro, e outras penas corporais, e estes eran en grande número, os cales por medo ás penas, fuxiran ao reino de Portugal, ducado de Bretaña e á Francia”.

A crónica deste servidor dos Reis Católicos precisa no capítulo 95 da segunda partea cifra dos exiliados, sinalando  que“ foi tan grande o terror da xustiza que executaban, que no espazo de tres meses ausentáronse da terra máis de 1.500 ladróns”. Ao tempo, consérvanse  varias ordes reais onde se decreta a amnistía para os galegos fuxidos a cambio de incorporarse ás forzas dos Reis Católicos para combater en Granada.

Isabel e Fernando asinaban o seu primeiro indulto para os exiliados galegos o 22 de decembro de 1486, volvendo a repetilo no ano seguinte e coñecendo aínda outro de 1488. Os  tres beneficiaban por igual aos rebeldes galegos exiliados en Bretaña e Portugal, onde rematou por fuxir o conde de Lemos, Rodrigo de Castro.

Os que non volveron de Bretaña e Portugal

O perdón dos monarcas castelás excluía ao seu continxente máis numeroso, formado polas persoas exiliadas en Portugal que fixeran parte das tropas de Pedro Álvarez de Soutomaior e polos fieis de Pardo de Cela fuxidos no ducado de Bretaña.

Os galegos exiliados en Bretaña loitaron cando os exércitos bretóns que combatían contra os franceses, na comunmente coñecida como guerra da independencia de Bretaña.

A maior parte dos galegos exiliados rematarían por retornar a Galiza tras acollerse ao perdón real a cambio combater dentro das forzas casteláns en Granada. Porén, outra parte remataría por estabelecerse definitivamente en Portugal ou na propia Bretaña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios