A loita de Pedro Madruga contra Castela

Foi un dos tres grandes Pedros da revolta galega contra Castela das décadas finais do século XV. Mentres Pardo de Cela ergueu o norte galego até morrer decapitado en Mondoñedo en 1483 e o conde Lemos bateu o ferro no centro até deixar o relevo ao seu fillo/neto Rodrigo, Madruga pelexaba no sur ás tropas dos Reis Católicos. Os tres a un tempo, como cabezas dun movemento nacional e popular, defenderon unha Galiza non subordinada a Castela porén ningún como Pedro Álvarez de Soutomaior, para nós Pedro Madruga, estivo tan cerca da vitoria.
Fortaleza de Pedro Madruga, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fortaleza de Pedro Madruga, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

Foi a cabeza do partido portugués na Galiza de finais do século XV. A alternativa dunha Galiza arredada de Castela, achegada a Portugal e ligada ao espazo atlántico veuse formalizando de xeito reiterado no pais desde 1230, volvendo a expresarse con grande apoio social e posibilidades de éxito no contexto das excepcionais circunstancias abertas no espazo ibérico no marco da loita sucesoria que seguiu a morte de Henrique IV.

Pedro Madruga, vinculado económica e familiarmente ao espazo galego portugués, casado cunha nobre desa nacionalidade, Teresa de Távora, amigo e persoa de confianza do monarca Afonso V, non dubidará en tomar partido pola infanta Xoana, filla da raíña Xoana de Portugal e de Henrique IV apoiada pola casa real  portuguesa e que no desenvolvemento do conflito chegará casar co seu tío Afonso V.

As hostilidades entre o partido oligárquico e castelán representado por Isabel A Católica e a opción galega portuguesa de Xoana I comezaron á volta da primavera de 1475, acompañando Pedro Madruga á infanta na súa coroación e sendo nomeada a súa esposa Teresa de Távora como camareira real. Porén, mentres a súa causa non atopou apoios no espazo castelán e se sucederon os fracasos militares nesa área das tropas de Afonso V, Galiza sumouse masivamente á causa de Xoana comandada por Soutomaior que non parou de sumar éxitos políticos e militares.

Galiza coa raíña Xoana

Á volta de 1476 estaban en mans de Pedro Madruga a práctica totalidade do sur de Galiza, sinalándose localidades como Vigo, Pontevedra,Redondela, Tui, Baiona, Caldas, Padrón, as terras do Morrazo e do Salnés e amplas zonas do bispado de Ourense. Ao tempo, Pedro Álvarez de Soutomaior prestaba o seu concurso nalgunhas das accións de guerra máis importantes libradas fora da Galiza, coma o cerco de Zamora ou a batalla de Toro, onde segundo as crónicas portuguesas aparecía como o principal conselleiro de Afonso V.

A derrota galega confirmaríase a comezos de 1479. A dura ofensiva lanzada polos Reis Católicos contra Pedro Madruga, cuxos capítulos máis significados foron a intervención na  Galiza da armada naval de Ladrón de Guevara actuando contra Pardo de Cela en Viveiro e contra Soutomaior en Baiona, Vigo e Pontevedra ou o cerco terrestre da localidade polas tropas do arcebispo Fonseca, non fundiron a resistencia que comezou a debilitarse a partires de 1477 coa retención de Soutomaior polo conde Benavente e posteriormente cos acordos de paz entre Portugal e Castela.

Se ben nestas negociacións Afonso V conseguiu garantir a liberdade de cantos apoiaron a Pedro Madruga, mesmo forzando unha amnistía para o de Soutomaior a quen o monarca portugués cedeu anos antes terras da outra beira de Miño e nomeou Conde de Camiña, os resultados políticos ficaron moi lonxe das aspiracións do partido galego portugués e das esixencias formuladas inicialmente polo monarca luso.

A unión da Galiza con Portugal

A revolta galega estivo preto de acadar o éxito. No marco das diversas conversas establecidas entre Afonso V e os Reis Católicos para por fin ao conflito, o rei portugués solicitou a separación de Galiza de Castela e a súa incorporación a Portugal. Segundo recollue a crónica de Afonso V, nas negociacións abertas tras a batalla de Toro, nas que participou Pedro Madruga, o monarca luso solicitou polos dereitos que tiña como esposo de Xoana “tinha nos Regnos de Castella, lhe soltssen liuremente algua parte do senhorio della, e que esta seria bo regno de Galiza como todos os seus termos”.

Os  apoios do partido portugués na Galiza foron maiores dos que tradicionalmente sinala a historiografía, manténdose a lealdade a causa de Dona Xoana até practicamente os comezos do século XVI. A este respecto, resultou esclarecedora unha parte da correspondencia mantida entre a raíña Isabel e Rodrigo de Castro, onde a monarca castelá solicitou do conde Lemos información sobre os diversos núcleos xoanistas que seguíron operando en Galiza á volta de 1499.

A rebeldía de Pedro Madruga non deu acougo. A súa oposición á proposta centralizadora dos Reis Católicos ao longo da década de 1480, sitúouno en diversas iniciativas políticas e militares. Así en 1483 apareceu asinando unha instancia con outros nobres galegos como Sueiro Gomez de Soutomaior ou Lopo Sánchez de Moscoso protestando contra acción dos gobernadores reais en Galiza e nomeadamente contra Fernando de Acuña.

As últimas loitas de Madruga

Pedro Madruga mantivo abertos diversos frontes na penultima década do século XV. For no castelo de Fornelos, asediado pola exércitos castelás e apoiado polas forzas do conde Lemos, sexa no Morrazo e Vigo, combatido polas tropas colaboracionistas de Diego de Muros. Porén as novas circunstancias políticas ou a traizón dalgúns dos seus máis próximos, como a súa muller Tareixa de Tavora, quen en tempos se bateu tan bravamente contra os castelás en Pontevedra, ou do seu fillo e herdeiro Alvaro Paes de Soutomaior, colocárono nunha situación insostíbel.

Pedro Álvarez de Soutomaior, o noso Pedro Madruga, o conde Camiña da corte portuguesa mantense vivo na memoria popular. Asasinado en 1486 no castelo de Alba de Tormes, hai quen pensa que viviu outra vida de navegante co nome de Cristovo Colón porén o que nos interesa sinalar foi como a súa rebeldía e loita ficou salvagardada polo pobo.

A marquesa de Ayerbe, María Vinyals, propietaria do castelo de Soutomaior, escribiu a volta de 1904, un libro sobre a fortaleza, onde significou que a lembranza de pedro Madruga mantíñase entre os descendentes dos seus antigos vasalos, até o punto de “seguir, como fai 200 anos, de pais a netos, referíndose a Madruga como se fora o rei de Galiza”. Aínda a día de hoxe as lendas e contos sobre o conde rebelde, están presentes no recordo das xentes dos seus antigos estados, urxindo a súa recuperación á par dunha restauración da figura de Pedro Madruga.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios