A Xunta volve facelo: “Como che imaxinas a Galicia futura?”

Tres meses despois de ser inaugurada a exposición “Galicia Futura” a Xunta da Galiza aínda recolle en páxinas web institucionais un erro que chamara a atención das persoas usuarias: “Como che imaxinas a Galicia futura?”.

O conselleiro de Cultura participou na inauguración da mostra, en xullo deste ano. (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Cultura participou na inauguración da mostra, en xullo deste ano. (Imaxe: Europa Press)

En turismo.gal, en caminodesantiago.gal e mesmo en cultura.gal. Páxinas web institucionais da Xunta da Galiza reproducen un grave erro para informar dunha exposición. "Como che imaxinas a Galicia futura?".

Unha gralla que leva nos citados sitios web desde o mes de xullo, cando se inaugurou a exposición “Galicia Futura”. Unha mostra comisariada por Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal Vera que “sae á procura de respostas a esta pregunta [“Como che imaxinas a Galicia futura] a través dun suxestivo diálogo entre arte e ciencia, entre tecnoloxía e creatividade”.

"Nunca atoparemos erros tan aldraxantes nas versións en castelán", apunta Mario Regueira

Advírteo na súa crítica semanal en Sermos Galiza, que as persoas subscritoras de Nós Diario poden ler a partir desta sexta feira e que poderá comprarse o sábado nos quiosques ou na loxa, Mario Regueira: “Máis aló do sangrado de ollos a calquera persoa cunha mínima noción de lingua galega, o feito de que a gralla leve máis de tres meses aí, ou a certeza de que nunca atoparemos erros tan aldraxantes nas versións en castelán, quero tomar o feito como un síntoma”.

che mostraA mostra en cuestión é presentada pola Consellaría de Cultura como “o terceiro gran proxecto expositivo da Xunta da Galiza na Cidade da Cultura con motivo do Xacobeo 21-22 e fecha o ciclo iniciado con Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós”.

Léxico en castelán, pronomes fóra de lugar e outros erros reprodúcense mesmo en exames de convocatorias a concursos-oposicións

Son habituais os graves erros lingüísticos da Xunta da Galiza en documentación oficial e en información institucional. Graves erros que en castelán non se producen. Léxico en castelán, pronomes fóra de lugar e outros erros reprodúcense mesmo en exames de convocatorias a concursos-oposicións da Administración galega.

En marzo deste ano, Nós Diario facíase eco dos problemas xurdidos co exame para acceder a un posto de psicóloga ou psicólogo. “Atopar estes fallos nun exame público é bastante grave e mesmo pode dificultar as respostas”, expresaba unha opositora.

O galego, castigado nos orzamentos 2022

Precisamente, a partida dedicada á promoción do idioma propio da Galiza é unha das máis castigadas no proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2022, ao sufrir un recorte de 3 millóns de euros a respecto das contas de 2021. Unha tesoirada que non recibiu sequera explicación por parte dos responsábeis do Goberno galego.

Por outra banda, o Goberno galego paga insercións publicitarias en medios de comunicación en castelán que deturpan os topónimos. O último dos exemplos recollidos por Nós Diario coincidiu no tempo coa polémica ao redor do topónimo da Toxa, deturpado de maneira recorrente no foro económico organizado na illa do Grove e que foi motivo de reiteradas queixas.

Comentarios