Victor da Silva, lingüista: "Brasil sería un bo aliado para Galiza en cuestións culturais, económicas e lingüísticas"
Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (São Paulo, Brasil) e doutorando en Estudos Lingüísticos pola Universidade da Coruña (Galiza). Traballa como investigador e profesor particular de portugués e lingüística. É tamén membro da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, entidade coa que organizou un proxecto de intercambio entre alumnado galego e brasileiro.
—Cando tivo o seu primeiro contacto co galego?
Non sei como explicalo con precisión, pero foi a principios de 2022, porque xa estaba pensando en vir a Europa coa idea de facer un curso de posdoutormento. Para iso comecei a investigar a situación lingüística na Europa románica e descubrín a diversidade lingüística que había, e que existía o galego.
No Brasil non falamos da Galiza nin do galego. Incluso alguén coma min que tiña un doutoramento en lingüística descoñecía a situación. Entón, fun ás redes, YouTube e Facebook. A canle Nós e os profesores Eduardo Maragoto e Xosé Henrique Costas foron os meus primeiros contactos.
Despois, seguín conectando con máis xente e comecei a estudar a lingua. Ao chegar aquí, en febreiro de 2023, aprendín o galego falado para comunicarme coa xente. E comecei un segundo doutoramento na Universidade da Coruña, en filoloxía galega.
“No Brasil non falamos da Galiza nin do galego”
—Vén de realizar un proxecto de intercambio lingüístico entre mocidade galega e do Brasil. Con que intención?
O que me interesa é a preservación da lingua. Ante isto, vexo o que podo axudar en cada situación. Rematou unha primeira versión dun proxecto de intercambio lingüístico entre estudantes brasileiros e galegos. Tamén aprendemos e vimos erros no proxecto. Pretendo mellorar este modelo para que sexan encontros máis dinámicos e interesantes para a mocidade. O principal é mostrar aos mozos e ás mozas galegas que a súa lingua está viva e relevante no mundo.
Brasil ten esta función moito máis que Portugal, xa que representa máis de 75% dos falantes da nosa lingua. Así que penso sempre en utilizar Brasil para presentar contidos dinámicos e interesantes á mocidade galega. Os meus proxectos na Asociación Pro-Fundación Manoel Vello irán sempre nesta dirección: pór en contacto á mocidade galega coas producións brasileiras.
É importante dicir aquí que, como lingüista, entendo as dúas linguas como variedades, cada unha coas súas propias características fonéticas e culturais. Defendo o achegamento entre elas e que o tempo faga a súa parte en canto á súa unidade.
—Por que Galiza debe aliarse a nivel lingüístico primeiro co Brasil e non con Portugal?
En 2019, o Portal Galego da Língua (AGAL) entrevistou Victor Freixanes, naquel momento presidente da RAG, e este afirmaba que a filoloxía portuguesa co tema do galego non acaba de entender que o portugués é fillo do galego medieval.
O Brasil ten unha relación máis libre coa súa cultura e coa lingua portuguesa. A gramática usada no Brasil é escrita e actualizada por gramáticos brasileiros, o que fai que a comprensión das multiplicidades e variedades lingüísticas sexa moito máis natural, sen o control directo da antiga metrópole. Ao contrario do que ocorre en Angola, como exemplo, onde a gramática utilizada é escrita, actualizada e enviada por Portugal.
A cuestión histórica e orixinaria das linguas galaicas está na Galiza e esta idea está ben aceptada nas universidades brasileiras. O Brasil é unha nación que fala a lingua herdada da colonización portuguesa. Isto fai del a terceira xeración de falantes da lingua galaica e o maior representante de falantes desta lingua no planeta.
Esta aceptación histórica e a comprensión da variedade lingüística falada na Galiza facilitarían a unión destas dúas nacións. A relación sería simétrica, sen imposicións ou correccións lingüísticas por parte de ningún dos dous lados, grazas ao respecto mutuo que xurdiría desta unión. A partir de aquí, todos os acordos comerciais estarían nesta sintonía, independentemente da ortografía utilizada nestes trámites.
—Hai máis razóns?
Desde logo. Por exemplo razóns económicas e culturais. A economía brasileira é a maior de América Latina, cun mercado consumidor de máis de 200 millóns de persoas. Ademais, é membro fundador do BRICS, cuxo banco está presidido por unha brasileira. As empresas galegas poderían facer negocios co Brasil, mentres que as empresas brasileiras poderían investir na Galiza.
“As empresas galegas poderían facer negocios co Brasil, mentres que as empresas brasileiras poderían investir na Galiza”
Como a 9ª economía máis grande do mundo en 2024, o Brasil presenta sectores fortes no agronegocio, tecnoloxía, enerxía e industria, ademais de oportunidades en mercados emerxentes do comercio dixital. O mercado consumidor brasileiro é enorme, atrae moitos investimentos e ofrece parcerías en sectores máis diversificados.
A cuestión lingüística facilitaría o turismo brasileiro na Galiza, atraendo máis visitantes interesados na cultura e nas raíces galegas. Galiza poderíase promocionar no Brasil como un destino histórico e cultural, destacando a súa importancia no proceso lingüístico da lingua brasileira. En 2024, 22 millóns de brasileiros viaxaron ao estranxeiro, mais o destino preferido en Europa foi Portugal. É hora de que Galiza se faga coñecida. Se Galiza quere crecer máis aló do eixo español-portugués, o Brasil é a mellor aposta estratéxica.
Ademais está a cooperación académica e científica. No Brasil hai un número significativo de universidades: 42 provinciais e 69 federais, sumando 111 universidades públicas. A súa produción académica é robusta e podería fortalecer a presenza galega no espazo de lingua portuguesa para gañar visibilidade internacional.
As universidades galegas, ao estreitar lazos coas institucións brasileiras e promover intercambios estudantís e investigacións conxuntas, estarían reforzando a identidade galega no mundo. Ampliarían as redes de contacto e exportarían as súas investigacións con maior fluidez.
—Logo considera que Brasil sería a gran aposta?
Tanto en cuestións culturais, económicas e lingüísticas, o Brasil convértese nun potencial aliado estratéxico para Galiza. Co seu gran mercado consumidor, as galegas e os galegos terían un público enorme para divulgar, exportar e fortalecer as súas producións culturais. Actualmente, Galiza case non ten presenza no Brasil, agás en pequenos nichos académicos.
“Actualmente, Galiza case non ten presenza no Brasil, agás en pequenos nichos académicos”
Pola contra, o Brasil non é descoñecido na Galiza. Consúmese máis cultura brasileira que portuguesa en varios ámbitos. Na música, por exemplo, o funk carioca escoitase máis que o fado ou o pop portugués; o sertanejo está presente en festas e emisoras galegas; a MPB/pop é máis coñecida que os artistas portugueses contemporáneos. En 2023, 3 das 10 cancións máis tocadas na Galiza durante os festivais de verán eran brasileiras.
Os filmes brasileiros véndense máis que os de Portugal. A serie 3% tivo máis audiencia na Galiza que a produción portuguesa Glória. Os youtubers e influenciadores brasileiros (como Anitta e Whindersson) teñen máis seguidores galegos que os portugueses. Do total de vídeos en portugués vistos na Galiza no YouTube, 60% son brasileiros.
En cuestións económicas, se o Brasil for consumidor de produtos galegos daría moita proxección a Galiza, abrindo un horizonte de crecemento e parcerías estratéxicas moito maiores que o eixo España-Norte de Portugal. Os galegos terían un país de dimensións continentais para facer acordos e proxectarse no mundo en lingua portuguesa, unha acción facilitada polo Brasil.
En cuestións lingüísticas, o portugués brasileiro e o galego teñen raíces comúns e, aínda con evolucións distintas, presentan maior proximidade de entendemento que co portugués de Portugal, xa que este último sufriu maiores cambios fonéticos ao longo dos últimos séculos. Esta integración lingüística podería revitalizar o galego, especialmente en contextos internacionais, facilitando unha comunicación fluída tanto na norma da RAG como na reintegrada.