Versión nova do corrector ortográfico Hunspell do galego, para OpenOffice e LibreOffice

A comunidade aberta Proxecto Transno publicará o dicionario en dúas versións do Volga: unha "estritamente normativa" e outra que incluirá tamén repertorios fóra da norma, mais que son referencia no noso país, para alén das suxestións das persoas usuarias. De cara ao futuro traballarán en versións específicas para ámbitos de especialización, como a bioloxía ou o dereito

A comunidade aberta dedicada á adaptación á nosa lingua do sistema GNU-Linux e do software libre en xeral, Proxecto Trasno, vén de liberar unha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego: a versión 12.10 'Manuel Pintos', un traballo realizado baixo a coordinación de Antón Méixome.

Segundo explica o Proxecto na información colocada no seu portal web, a ferramenta é o corrector de LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox 3, Thunderbird e Google Chrome, para alén de aplicativos que empregan software privativo como o InDesing ou o navegador Opera. A comunidade asumiu o mantemento do dicionario Hunspell para galego, que naceu en 2006 amparado por Mancomún e que constitúe a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o noso idioma.

Respecto a versión estábel, que data de 2009, os cambios realizados por Proxecto Trasno supoñen "un avance notábel". Subliñan na comunidade aberta que se reescribiron as regras que aumentan a velocidade e potencia de corrección, sobre todo no tratamento dos pronomes enclíticos, e incluíuse un dicionario de sinónimos de Volga e un guionizador. Están a traballar nun autocorrector de erros frecuentes.

Así as cousas, o dicionario publicarase en dúas versións: o Trasno-Volga, que incluirá exclusivamente as actualizacións e será "estritamente normativa", e o Trasno-Xeral, que engadirá moitos outros repertorios paranormativos de referencia no país, para alén das suxestións das persoas usuarias. O Proxecto ten o ollar posto en versións específicas para distintos ámbitos de especialización, como o dereito ou a bioloxía, e que se irán liberando a medida que se desenvolvan os repertorios lexicográficos correspondentes.

Comentarios