Só 25% das horas de docencia na USC se imparte en galego

A presenza en ciencias da saúde é "residual".
Un estudante repasa antes de realizar as pobras de acceso á universidade, na terza feira 6 de xuño en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Cal é a situación do galego na docencia na Universidade de Compostela, USC? Pois mellor que hai 20 anos, mais aínda moi por baixo do castelán. A desigualdade entre ambos os idiomas dáse nunha proporción de tres a un ao impartiren as profesoras e profesores docencia. Os datos do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC indican que, malia mellorar ao longo destas dúas décadas, a presenza da lingua galega nesta universidade continúa a ser minoritaria e mesmo inexistente nalgúns departamentos.

No curso 22-23 impartíronse en galego aproximadamente 25% das horas docentes. No campus de Lugo esta porcentaxe sobe até 35% mentres que no de Santiago non supera 22%.

Mestrados e graos

A esa diferenza xeográfica engádese outra, como a do tipo de estudos. A docencia en galego é maior nos mestrados ca nos graos (33% fronte a 22%).

Mentres na área de ciencias da saúde a docencia en galego é residual (ao redor de 5%), nos ámbitos de humanidades e ciencias sociais rexístrase unha presenza do galego semellante á que ten o castelán. Pola súa vez, as áreas de ciencias e enxeñaría quedan nun punto intermedio, segundo o SNL.

Avances

O Sertvizo de Normalización Lingüística destaca avanzos para o galego conseguidos neste últimos curso, como que en Humanidades e Enfermaría do Campus de Lugo o galego superou por primeira vez o castelán como lingua da docencia desde que hai rexistros; ou ben como na Facultade de Matemáticas o galego vén incrementando a súa presenza até abeirar xa unha porcentaxe "tan relevante como 40%". Porén, resalta, que nunha institución que ten o galego como  "lingua propia" que esta fique en apenas 25% non pode considerarse positivo.

Os usos lingüísticos docentes son diferentes segundo a categoría de profesorado. O SNL recolle cinco das 13 categorías de PDI (Persoal docente e investigador), que representan máis de 86% deste colectivo na Universidade de Compostela. No profesorado asociado de Ciencias da Saúde, o galego é practicamente inexistente, situándose en 0,7% do total. No profesorado catedrático, a lingua propia representa 21,5% das horas docentes.

Comentarios