40 anos da Lei de normalización: o galego é a única lingua oficial de todo o Estado español que perde falantes

A Lei de Normalización Lingüística fai hoxe 40 anos. Mentres o conxunto das linguais oficiais do Estado español gañan falantes, apoiadas nunha lexislación e administracións realmente comprometidas cos seus idiomas propios, o galego esmorece.
Camilo Nogueira, Montse Prado, Román Rodríguez, Miguel A. Santalices, Henrique Monteagudo, Valentín García, Anxo Lourenzo e Víctor Freixanes, esta cuarta feira na biblioteca da Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)
Camilo Nogueira, Montse Prado, Román Rodríguez, Miguel A. Santalices, Henrique Monteagudo, Valentín García, Anxo Lourenzo e Víctor Freixanes, esta cuarta feira na biblioteca da Cámara. (Foto: Parlamento da Galiza)

A Lei de Normalización Lingüística fai hoxe 40 anos de vixencia. A norma, aprobada por un Parlamento da Galiza de onde viñan de ser expulsados seis meses antes os deputados do BNG, tomaba como punto de partida as orientacións definidas na Constitución española de 1977 e no Estatuto de Autonomía de 1981, así como no Decreto de Bilingüismo de 1979, elaborado pola Xunta, que foi empregada polas autoridades para "reprimir" o uso do galego nos centros educativos do país, mediante a sanción de ducias de ensinantes que empregaban este idioma.

Os resultados deste corpo legal están a vista. O galego é a única lingua oficial de todo o Estado español que perde falantes , con especial incidencia nos sectores máis novos da sociedade. Sen ir máis lonxe, a Enquisa estrutural de fogares de 2018, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), sinala que 23,9% das persoas menores de 15 anos son incapaces de falar en galego, o que representa un incremento de 7% en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos, 16,33% das persoas incluídas nesa faixa de idade, respondían non ser quen de falar en galego.

O historiador e sociolingüista Francisco Rodríguez sinala a Nós Diario que as eivas da lei foran denunciadas polo nacionalismo no momento da súa aprobación. Neste sentido, afirma que “tal como estaba a lei había arredor de 80% de posibilidades de que os resultados foran negativos, xa que era un norma que non estabelecía obrigas para as administracións públicas, agás no ámbito da toponimia”. Rodríguez, redactor da proposta de lei que o BNG presentou naquela altura, explica que “o noso proxecto non se fundamentaba nunha visión bilingüe estática como acontece coa norma aprobada, porque sabíamos que o bilingüísimo é un pretexto para excluír o galego”.

Rodríguez aclara que “o proxecto de lei do BNG, que non puido ser defendido ao ser expulsados os nosos deputados do Parlamento da Galiza, fixaba que a norma tiña que estabelecer dereitos e obrigas para todo o país e o conxunto da poboación galega e pedía a recuperación social do idioma, con medidas prescritivas, co obxectivo de sentar as bases para que a recuperación do idioma fose efectiva e o galego tivese a consideración de lingua preferente”.

Unha oportunidade "desaproveitada"

O catedrático de galego da Universidade de Vigo (UVigo), Xosé Henrique Costas, explica a Nós Diario que “a lei foi unha oportunidade desaproveitada, que permitía bastantes cousas e non se aproveitou nin na décima parte por falla de vontade política á hora de aplicala e desenvolvela”. Nesta liña, matiza que “houbo só un período, durante o Goberno bipartito, onde se comezaron a facer cousas, ben coas galescolas ou co denominado Decreto de 50%, que fixaba a obrigatoriedade de dar en galego 50% das materias”.

Costas lamenta que “a lei non se desenvolveu até 2004, coa aprobación do Plan xeral de normalización lingüística, que abría portas, porque entraba en todas as esferas da sociedade, porén, non se chegou a aplicar e así nos atopamos con que o galego é a única lingua oficial do Estado que perde falantes”. Neste sentido, lembra que “en 2004, Anxo Lourenzo, actual secretario xeral de Cultura e primeiro secretario de Política Lingüística con Núñez Feixoo definiu toda a política lingüística levada a cabo até o momento como de baixa intensidade”.

A xurista e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, cualifica a lei para Nós Diario como “unha oportunidade perdida, xa que se trataba dunha norma de primeira xeración da que debía xurdir lexislación e se debía desenvolver con outras normas e non se fixo porque non había vontade política, porque a intención era seguir unha política lingüística contra o galego”. Quintas denuncia que “a norma non fixa obrigas, tería que haber regulamentos, o único que houbo foi o plan de 2024, onde si se recollían medidas”.

Neste dirección, a vicepresidenta da Mesa conclúe que “o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística trouxéronos ao contexto onde estamos, un contexto de baixa consideración social da lingua, de perda de falantes, de desprestixio da lingua, de exclusión práctica nas Administracións públicas, de ensino desgaleguizador e de nula presenza, como sabemos,no ámbito sanitario”.

Política lingüística

Francisco Rodríguez, autor de Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, traballo pioneiro da sociolingüística no país, considera que “a política lingüística é unha fraude para beneficiar a maquinaria de españolización do país”. Da mesma maneira, o sociolingüista denuncia a Nós Diario que “a Televisión da Galiza (TVG)  non é unha televisión en lingua galega, é unha televisión diglósica, onde non hai onde mirarse” e lamenta que no ámbito educativo “hai menos uso real do galego que nos momentos previos á aprobación da lei e mesmo cun profesorado máis  indisposto a empregalo”.

O dereitos do galego non están garantidos pola lexislación

Cero disposicións legais do Estado obrigan ao uso da galego. Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán en diferentes esferas da vida social, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. A este respecto, máis de 200 disposicións xurídicas refírense a actividades comerciais ou de información aos consumidores, sen que a Xunta exercese as súas competencias, demandando para o galego os mesmos dereitos e deberes que ten o español. Sen ir máis lonxe, neste momento na Galiza ningunha entidade bancaria permite realizar todos os trámites en galego.

Precisamente, só 0,04% dos asuntos tramitados pola administración de xustiza foron en galego. Segundo os datos achegados na memoria do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de 2019, último ano no que apareceu información sobre o tema, os diferentes órganos xudiciais galegos só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956, sumando así unha porcentaxe de 0,04%. A ausencia de obrigas para o galego é unha das principais pexas á lexislación en materia de normalización lingüística.


Exposición no Parlamento

O Parlamento da Galiza acolle desde esta cuarta feira a exposición titulada "A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística da Galiza (1983-2023)", organizada polo Executivo galego para conmemorar o 40 aniversario da norma. Na inauguración, que decorreu na Biblioteca da Cámara, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, apuntou que a de Normalización Lingüística, "non é unha lei máis, senón que se enmarca no que con xustiza poderiamos denominar leis fundacionais da autonomía galega".

Comentarios